A pelaxe[1] é a calidade ou características dos pelos dos animais mamíferos. O pelame[2] é o conxunto de pelos que nacen da pel dos animais mamíferos, especialmente a daqueles que teñen unha extensa cobertura de pelos. Cando as pelaxes dos animais son procesadas na industria peleteira para convertelas en abrigos e outros complementos para vestir conservando o seu pelo denomínase xeralmente peles[3]. As máis apreciadas son as de pelos suaves e mestos, en oposición aos pelames de pelos escasos e duros de animais como os porcos, que non se utilizan. As pelaxes poden constar de capas diferenciadas de pelos. Os mamíferos con cantidades reducidas de pelo denomínanse ás veces "espidos" ou sen pelo, como as ratas toupa espidas, os cans sen pelo, os cetáceos ou en boa medida o ser humano.
Os animais con pelaxes comercialmente valiosas son importantes para a industria peleteira, polo que son cazados ou criados. Os seres humanos utilizaron as peles de animais desde a Prehistoria para abrigarse. Porén, actualmente, o uso de peles para vestir ou decorar considérase polémico por parte dun sector da poboación que está en contra da caza ou da crianza de animais para usar a súa pelaxe con ese fin, xa que considera que non é moralmente aceptable.