Pelicano

Os pelicanos[1] son aves de gran tamaño pertencentes ao xénero Pelecanus, único actual da familia dos pelecánidos[2] (Pelecanidae). O máis característico dos pelicanos é o seu longo peteiro e a súa gran bolsa gular, que utilizan para capturar as presas das que se alimentan e drenar a auga do contido alimenticio que apañaron antes de tragalo. Teñen predominantemente unha plumaxe clara, coa excepción das especies P. occidentalis e P. thagus, que a teñen máis escura. As bolsas gulares e a pel espida facial de todas as especies adquire brillantes cores durante a estación de apareamento. As oito especies vivas de pelicanos teñen unha distribución global dispersa, que en latitude vai desde os trópicos ás zonas temperadas, aínda que están ausentes no interior de Suramérica e nas rexións polares e o mar aberto. Na Península Ibérica as únicas especies de pelicanos que se puideron ver en ocasións son o pelicano branco (P. onocrotalus) e o pelicano crespo (P. crispus). O rexistro fósil de pelicanos remóntase a hai polo menos 30 millóns de anos, no Oligoceno, época da que datan os restos dun peteiro moi similar ao das modernas especies atopado en Francia.

Creuse durante moito tempo que os pelicanos estaban relacionados coas fragatas, corvos mariños, faetóntidos e mascatos, pero agora crese que están moito máis relacionados con Balaeniceps rex e Scopus umbretta, e clasifícanse na orde Pelecaniformes. Os ibis, cullereiros e garzas son parentes máis distantes, e están tamén clasificados na mesma orde. Os pelicanos viven fundamentalmente nas áreas de augas costeiras e interiores, xa que se alimentan principalmente de peixes, que capturan na superficie ou preto da superficie da auga. Son aves gregarias, que a miúdo pescan cooperativamente e crían formando colonias. Catro das especies de plumaxe branca adoitan aniñar no chan, e as catro especies máis grises ou pardas aniñan principalmente nas árbores.

A relación entre os pelicanos e os humanos non sempre foi pacífica. Os pelicanos foron perseguidos nalgúns países porque se consideraba que competían coa pesca comercial e recreativa. Sufriron tamén pola destrución do seu hábitat, molestados polas actividades humanas ou pola polución, e a conservación de tres especies está en perigo. Tamén tiveron unha importancia cultural na mitoloxía, e na iconografía cristiá e heráldica.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para pelicano.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para pelecánidos.

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by razib.in