A pena de morte, pena capital ou execución consiste en provocar a morte a unha persoa condenada por parte do Estado, como castigo por cometer un delito establecido na lexislación. A expresión provén do latín capita (=cabeza), onde á súa vez chegou supostamente dun termo indoeuropeo kaput, co mesmo significado. Así, etimoloxicamente, a pena capital é o castigo imposto a un crime tan grave que, a xuízo dalgúns, merece a decapitación. Debe distinguirse das execucións extraxudiciais, xa que estas son realizadas sen o debido proceso legal. [1] Existe un debate, legal e filosófico, respecto a pena de morte.
A execución de criminais e disidentes políticos foi empregada por gran parte das sociedades ao longo da historia, tanto para castigar o crime como para suprimir a disidencia política. Actualmente a situación legal da pena de morte varía segundo as rexións do mundo. Así, foi abolida e penalizada en case todos os países europeos (excepto Rusia e Belarús) e a maioría dos de Oceanía (como Australia, Nova Zelandia e Timor Leste). A maioría dos países latinoamericanos tamén a aboliron. Porén, en países como os Estados Unidos e a maioría dos estados do Caribe segue sendo aplicada. En Asia a pena de morte está permitida en países como a China, a India, Indonesia, Corea do Sur, Corea do Norte, Emiratos Árabes Unidos, Paquistán, Irán e o Xapón. En África aínda se usa en varios países, especialmente da zona nororiental do continente. Segue sendo aplicada na maioría dos países árabes e en toda a zona de Oriente Próximo. Os países que lle puxeron fin son 160 dos cales 104 son totalmente abolicionistas, seis impídena para crimes ordinarios, noutros seis rexe unha moratoria e 44 son "abolicionistas de feito" e non aplican a pena capital.[2]
En moitos países onde aínda se aplica úsase como para crimes de asasinato, espionaxe, traizón ou como parte do dereito militar.[3] Nalgúns países aplícase tamén para castigar delitos sexuais, considerados como tales o adulterio ou a sodomía. Tamén se castiga con pena de morte nalgúns países musulmáns a apostasía, a renuncia formal á propia relixión. Na China o tráfico de persoas e os casos graves de corrupción política son castigados coa pena de morte. Nalgúns países utilízase por motivos políticos, coa máxima difusión posible, como «escarmento» de masas. En 2007 o director dunha empresa foi executado en Corea do Norte como castigo por realizar numerosas chamadas telefónicas ao estranxeiro.[4]
O tema da pena de morte é moi controvertido. Os simpatizantes da mesma opinan que a súa realización reduce o delito, prevén a súa repetición e é unha forma de castigo para o asasinato. Os detractores argumentan que non reduce o crime en maior medida que a cadea perpetua; son peores que o delito e é unha discriminación de feito contra as minorías pobres que poidan non ter recursos suficientes no sistema legal.[5]
En 2015, Irán, Paquistán e Arabia Saudita foron responsables de case o 90 % das execucións, segundo Amnistía Internacional (AI).[6] Este dato non inclúe as execucións na China, as cales AI cre son de miles, pero non existen cifras oficiais dispoñibles. En 2020, segundo Amnistía Internacional, a clasificación de execucións continuaba encabezado pola China, como en anos anteriores. A cifra total de condenas á morte durante 2020 foi de polo menos de 1.477, entre as que se puideron confirmar 483 execucións.[7][8]
Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou o 18 de decembro de 2007 unha resolución chamando a tódolos países a suspender a pena de morte en todo o mundo. 104 Estados votaron a favor, 54 en contra e 29 abstivéronse. No 2008, 137 países xa aboliran este castigo pero 60 aínda o manteñen e o aplican. Durante o 2007 foron condenadas a morte 3.347 persoas e executadas 1.252 (42 delas nos Estados Unidos)[9].
Con todo, en 2015 catro países aboliron a pena capital para todos os crimes (República do Congo, Fidxi, Madagascar e Suriname[10]), e no 2016 Benín e Nauru fixerón o mesmo.[11] E no 2019, 56 países mantenían nas súas lexislación a pena de morte, pero deles un total de 28 países levan polo menos unha década sen levar a cabo execucións.[12]
O 10 de outubro celébrase o Día Mundial contra a Pena de Morte[13] para sensibilizar a poboación.