Pinturas negras

Saturno devorando un fillo.
Terreo e casa da Quinta de Goya en 1828. A gran maqueta ou "Modelo de Madrid" de León Gil de Palacio, que conserva o Museo de Historia de Madrid, inclúe a casa onde residiu Francisco de Goya.[1]
Duelo a garrotazos.

Pinturas negras (1819-1823) é o nome que recibe unha serie de catorce obras murais de Francisco de Goya, pintadas coa técnica de óleo al secco (sobre paredes recubertas de xeso). Creounas como decoración dos muros da súa casa, chamada a Quinta del Sordo,[2] que adquirira en febreiro de 1819. Estes murais foron trasladados a lenzo a partir de 1874, e actualmente consérvanse no Museo do Prado de Madrid

A serie, a cuxos óleos Goya non puxo título, díxose que foi inventariada en 1828 cos bens da quinta á morte de Goya polo seu amigo Antonio de Brugada[3] e componse dos seguintes lenzos: Átropos ou As Parcas, Dous vellos ou Un vello e un frade, Dous vellos comendo sopa, Duelo a garrotazos ou La riña, O aquelarre, Homes lendo, Judith e Holofernes, A romaría de Santo Isidro, Dúas mulleres e un home, Peregrinación á fonte de Santo Isidro ou Procesión do Santo Oficio, Can semiafundido ou máis simplemente O can, Saturno devorando un fillo, Unha manola: dona Leocadia Zorrilla e Visión fantástica ou Asmodea.

A casa de Goya, xunto coas pinturas murais, pasou a ser propiedade do seu neto Mariano Goya en 1823, ano no que Goya cedeulla, ao parecer para preservar a propiedade de posibles represalias logo da restauración da monarquía absoluta e a represión de liberais fernandina. Durante 50 anos a existencia das Pinturas negras foi escasamente coñecida (só algúns críticos, como Charles Yriarte, as describiron).[4] A partir de 1874, e nun lento proceso que durou varios anos, foron trasladadas de revoco a lenzo por Salvador Martínez Cubells a instancias do barón Émile d’Erlanger,[5] un banqueiro e coleccionista de arte francés de orixe alemá que se fixera coa propiedade do terreo con intención de preservar as pinturas, ameazadas de desaparición xunto coa casa.[6] Erlanger presentou as pinturas na Exposición Universal de París de 1878, tense dito que con intención de vendelas, sen logralo, aínda que outros testemuños indican que o seu propósito foi dende o primeiro momento o de facer doazón delas ao Museo do Prado, como en efecto fixo en 1881.[7] En realidade, pouco estimadas polo gusto académico dominante naqueles anos, o seu paso pola exposición parisiense apenas suscitou algún comentario e tampouco o houbo tralo seu ingreso no museo, onde unha parte delas non se expuxo ata 1898, cando o fillo do barón presentou unha reclamación.[8]

  1. Revista Descubrir el Arte, nº 201, novembro de 2015, páxinas 18-24. ISSN 1578-9047.
  2. Iberic@l, Revue d’études ibériques et ibéro-américaines, nº 10, otoño 2016, pp. 219-232. "La casa de Goya en la Quinta del Sordo, en 1828". CRIMIC, Université Paris-Sorbonne.
  3. Foron variadas as propostas de título para estas pinturas. A máis temperá débese ao inventario de bens do pintor que Antonio Brugada realizou trala morte de Goya.
    Despois da morte de Goya, Antonio Brugada tería realizado un inventario destas obras e propuxera unha serie de nomes para cada unha delas, nomes, que nalgúns casos, foron completados o mudados posteriormente pola crítica especializada.
  4. Charles Yriarte, Goya, sa vie, son oeuvre (1867).
  5. Cfr. Valeriano Bozal (2005), vol. 2, páx. 247:
    Salvador Martínez Cubells (1842-1914), restaurador do Museo do Prado e académico de número da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, trasladou as pinturas a lenzo por encargo do que naquel momento, 1873, era propietario da quinta, o barón Fréderic Emile d'Erlanger (1832–1911). Martínez Cubells realizou este traballo axudado polos seus ormáns Enrique e Francisco (...)
    Valeriano Bozal, Francisco Goya, vida y obra (2 vols.), Madrid, Tf. Editores, 2005, vol. 2, páx. 247, ISBN 84-96209-39-3.
  6. Ao morrer Javier Goya en 1854, a quen o seu fillo Mariano traspasara a propiedade, os acredores hipotecarios e crediticios esixíronlle a venda do terreo en pública poxa, mais no houbo comprador nin nese ano nin nos seguintes. En 1859 adquiriuna Segundo Colmenares que tiña un proxecto de urbanización da zona, mais por dificultades económicas traspasoulla cos terreos lindeiros a Luis Rodolfo Coumont, residente en Bruxelas. Foi entón cando Yriarte visitou la Quinta. En 1873, coñecedor da existencia das pinturas, Erlanger fíxose coa propiedade da casa, próxima xa á ruína, encargou a Laurent unha reportaxe fotográfica e encomendou a Martínez Cubells o trasladalas a lenzo: Hervás (2019), pp. 33-42.
  7. Hervás (2019), pp. 43-45.
  8. Hervás (2019), p. 45.

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy