Planta

Plantas
Rango fósil: , pero ver texto
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
(sen clasif.) Archaeplastida
Reino: Plantae
Divisións

Algas verdes

Plantas terrestres (embriófitas)

Nematophyta

Sinonimia
  • Chloroplastida Adl et al., 2005
  • Viridiplantae Cavalier-Smith 1981
  • Chlorobionta Jeffrey 1982, emend. Bremer 1985, emend. Lewis and McCourt 2004
  • Chlorobiota Kendrick and Crane 1997
Gromo de roseira.

As plantas (tamén chamadas nalgunhas clasificacións Viridiplantae ou plantas verdes) son organismos multicelulares eucariotas do reino Plantae. Forman un clado que inclúe as plantas con flor (anxiospermas), as coníferas e outras ximnospermas, fentos, licopodios, antocerotas, hepáticas, musgos e, nas clasificacións recentes, as algas verdes. Están excluídos das plantas as algas vermellas e pardas, os fungos, os animais, as arqueas e as bacterias.

As plantas verdes teñen paredes de celulosa e obteñen caracteristicamente a maioría da súa enerxía da luz por medio da fotosíntese, realizada en cloroplastos primarios, derivados da endosimbiose con cianobacterias. Os seus cloroplastos conteñen clorofilas a e b, o que lles dá a súa cor. Algunhas plantas parasitas perderon a súa capacidade de producir cantidades normais de clorofila ou de fotosintetizar. Son seres tipicamente autótrofos, xa que só necesitan absorber do seu medio substancias inorgánicas. As plantas tamén se caracterizan pola súa reprodución sexual, crecemento indeterminado modular, e pola alternancia de xeracións, aínda que a reprodución asexual é tamén común nelas.

O seu número preciso é difícil de determinar, pero unha estimación de 2010 falaba da existencia de entre 300.000 e 315.000 especies de plantas, das cales a gran maioría, unhas 260–290 mil, son plantas con sementes.[1] As plantas verdes proporcionan a maior parte do oxíxeno molecular atmosférico[2] e son a base da maioría dos ecosistemas da Terra, especialmente nos ambientes terrestres. As plantas que producen cereais, froitas e verduras constitúen o alimento básico da humanidade, e moitas especies foron domesticadas para uso agrícola durante milenios. As plantas utilízanse como ornamento e como fonte de medicinas, e as árbores proporcionaron a súa madeira, e outras plantas fibras téxtiles (algodón, liño).

Do estudo científico das plantas encárgase a botánica. Os nomes científicos da plantas seguen as normas do Código Internacional de Nomenclatura de algas, fungos e plantas e o Código Internacional de Nomenclatura de Plantas Cultivadas.

  1. "Numbers of threatened species by major groups of organisms (1996–2010)" (PDF). International Union for Conservation of Nature. 11 Mar 2010. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 21 de xullo de 2011. Consultado o 27 de decembro de 2014. 
  2. Field, C.B.; Behrenfeld, M.J., Randerson, J.T. and Falkowski, P. (1998). "Primary production of the biosphere: Integrating terrestrial and oceanic components". Science 281 (5374): 237–240. Bibcode:1998Sci...281..237F. PMID 9657713. doi:10.1126/science.281.5374.237. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy