Pomona

Pomona, Jean Ranc, Museo Nacional de Estocolmo.

Pomona era, na mitoloxía romana, a deusa da froita, e por extensión das árbores froiteiras, os xardíns e as hortas. Era unha deusa unicamente romana, e asóciase xeralmente coa abundancia, particularmente coa floración das árbores —en oposición á colleita— e ademais das froitas; tamén o era da oliveira e a vide.[1] As tesoiras de podar, ou o fouciño, foron os seus atributos. Detestaba a natureza salvaxe e prefería os xardíns coidados: ningunha deidade coñecía como ela a arte do seu cultivo e o das árbores froiteiras. Pomona non sentía ningunha atracción polos homes, aínda que era requirida por todos os deuses do campo.

O nome da deusa deriva claramente de pomum, 'froita' (e é chamada por iso Patrona pomorum, 'señora dos froitos'). Ovidio descríbea cun gabillo na man dereita (e ás veces cunha xavelina como no caso doutras divindades).[2]

Foille adicado un bosque sagrado chamado Pomonal, situado ao sur da XII pedra millar da Vía Ostiense,[3] moi preto do actual Castel Porziano.[4] O culto da deusa estaba a cargo dun flamine menor, o flamen pomonalis, que na orde sacerdotal era o menos importante de todos.[5] Non tiña ningunha festividade, pero segundo o poeta Ausonio, Pomona tiña en tutela o mes de setembro porque nel madura a froita.[6]

  1. Caio Plinio Segundo. Naturalis historia, XXII, 2.
    «Ego sucum vini, liquorem olei gigno, ego palmas et poma».
  2. Publio Ovidio Nasón. Metamorfoses, libro XIV.
    «Nec iaculo gravis est, sed adunca dextera falce».
  3. Festo, p. 296, 15 e seguintes; ed. Lindsay.
  4. Lorenzo Quilici. Roma primitiva e le origini della civiltà laziale, páx. 81. Roma, Newton Compton, 1979.
  5. Georges Dumézil. La religione romana arcaica.
    «Poiché i frutti degli alberi sono i beni meno voluminosi».
  6. Décimo Magno Ausonio. Eclogarum liber, 9.
    «Autumnum, Pomona, tuum September opimat».

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by razib.in