Ponte disulfuro

Unha ponte disulfuro ou enlace disulfuro é un enlace covalente S-S que une por oxidación dous grupos tiol de dúas moléculas. As pontes disulfuro máis importantes danse nas proteínas entre dous residuos do aminoácido cisteína, que ten un grupo tiol (-SH) na súa cadea lateral. A molécula que se orixina pola unión de dúas cisteínas chámase cistina. Pero as pontes disulfuro están presentes tamén noutros compostos, como o caucho vulcanizado.

Formación dunha ponte disulfuro.

A ponte disulfuro é un elemento importante das estruturas terciaria (repregamento da proteína) e cuaternaria (asociación de varias cadeas polipeptídicas) das proteínas. A formación dunha ponte disulfuro a partir de dúas cisteínas ten lugar espontaneamente en condicións oxidantes, en particular en presenza de O2. Pero estas condicións non se dan en xeral no citoplasma, que é un ambiente redutor, polo que non se poden formar alí, senón cando as proteínas son secretadas ou expostas na superficie celular. O retículo endoplasmático ten encimas que poden catalizar a formación destes enlaces.

En bioquímica, a redución dunha ponte disulfuro pode facerse con redutores, como o 2-mercaptoetanol ou o ditiotreitol (DTT ou reactivo de Cleland).

Á esquerda o aminoácido cisteína. Á dereita a cistina, molécula formada por dúas cisteínas unidas por ponte disulfuro.

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by razib.in