Portal:Antigo Exipto

O antigo Exipto foi unha civilización do nordeste de África que se desenvolveu ao redor do curso medio e baixo do río Nilo, nos territorios que hoxe en día ocupan o actual estado de Exipto e o norte de Sudán. A civilización constituíse cara a 3150 a.C. coa unificación do Alto e Baixo Exipto baixo o primeiro faraón e persistiu durante os seguintes tres milenios ata a época romana.

Entre todas as antigas civilizacións do Oriente Próximo a exipcia destaca pola súa singularidade; constituída por poboacións de orixe norteafricano, engadíronse pobos semitas procedentes da rexión de Siria e Palestina, libios vindos do oeste e individuos de Nubia, que descenderon Nilo abaixo.

A súa historia divídese nunha serie de períodos estables ("imperios"), separados por períodos de relativa inestabilidade ("períodos intermedios"). Tralo fin do último imperio, o Imperio Novo, a civilización do antigo Exipto entrou nun período dun lento e constante declive, durante o cal Exipto foi conquistado por unha sucesión de poderes estranxeiros. O dominio dos faraóns acabouse o ano 31 a.C. cando o entón recente Imperio Romano liderado por Pompeu conquistou a Exipto tolemaico e incorporou o territorio como unha provincia romana de Exipto.

A civilización do antigo Exipto prosperou adaptándose ás condicións da val do río Nilo. Os antigos exipcios controlaron a irrigación dun val fértil que, ao producir excedente de colleitas, impulsou un gran desenvolvemento social e cultural. Cos recursos aforrados, a administración investiu na explotación mineral da zona, desenvolveuse un sistema de escritura, realizáronse construcións colectivas e proxectos agrícolas, impulsouse o comercio coas rexións veciñas, e formouse un poderoso exército que consolidou o dominio exipcio. Exercendo o control destas actividades había unha burocracia de escribas de elite, líderes relixiosos e administradores baixo a xerarquía do divino faraón, que garantía a cooperación e a unidade dos exipcios a través dun elaborado sistema de crenzas relixiosas.

Entre a gran cantidade de progresos conseguidos pódense destacar a creación dun sistema matemático, do traballo na pedra, das técnicas de enxeñaría e arquitectura que facilitaron a construción de pirámides monumentais, templos e obeliscos, así como o desenvolvemento dunha actividade artesanal de faienza e vidro, un sistema sanitario práctico e efectivo, novas formas de literatura, sistemas de irrigación, técnicas de produción agrícolas e o tratado de paz máis antigo.

Exipto deixou un legado duradeiro. A arte e a arquitectura foron imitados por outros pobos, e as ruínas monumentais que sobreviviron durante séculos inspiraron a imaxinación de turistas e escritores. O descubrimento das antigüidades e varias escavacións realizadas desde os inicios da Idade Moderna dirixiron a atención científica cara á civilización exipcia e espertou un gran interese en todo o mundo.

Artigo destacado

editar

A Necrópole de Gizeh é unha parte dunha das principais necrópoles do Antigo Exipto, a necrópole da cidade de Menfis. Situada na chaira de Gizeh, ao oeste da poboación homónima, a uns vinte quilómetros do Cairo. Comezou a empregarse durante a segunda dinastía, téndose atopado cerámica datada no reinado de Nynecher. Nela atópanse as famosas pirámides construídas polos faraóns da cuarta dinastía. Foi utilizada principalmente durante o Imperio Antigo.

A súa superficie xeolóxica é de pedra calcaria e é coñecida como formación Muqqatam. Presenta unha suave pendente con dirección noroeste a sueste e divídese en tres capas primarias nas que se alternan a pedra dura e branda. Cando ocorría a crecida anual do Nilo, a auga estendíase por toda a beira da meseta.

Está conformada principalmente por un grupo de complexos piramidais da cuarta dinastía (2613 a 2494 a.C.) os dos faraóns Queops, Quefrén e Micerinos (Khufu, Khafra e Menkaura). Gran parte da pedra empregada para a realización destes monumentos provén das canteiras locais, coma a da próxima Tura.

Na actualidade, as construcións de Gizeh xa non se ven como o resultado da ardua tarefa dos escravos, senón máis ben coma proxectos públicos de gran envergadura, motivados pola relixión e levados a cabo ata a súa finalización por e para o beneficio de toda a nación. Para o exipcio medio a pirámide era moito máis ca morada do faraón. A enorme necrópole de Menfis non se salvou da reutilización masiva das súas pedras, durante máis dun século abasteceu a cidade do Cairo para a construción de moitos dos seus barrios. En 1882, W. Flinders Petrie denunciou a desaparición progresiva do monumento que estaba sendo despoxado da súa pedra a un ritmo de trescentos camelos ao día.

Imaxe destacada

editar

Grande Esfinxe de Gizeh parcialmente escavada, ca. 1878.
Vexa o artigo Imperio Antigo de Exipto.


Categorías
Biografía destacada

editar

Nebjeperura Tutankhamon, máis coñecido como Tutankhamon, Tutankhamón, Tutankamon ou Tutankamón, foi un faraón pertencente á dinastía XVIII de Exipto que reinou de c. 1336/1335 a.C. a 1327/1325 a.C.. O seu nome orixinal, Tut-ankh-Atón, significa «imaxe viva de Atón», mentres que Tut-ankh-Amón significa «imaxe viva de Amón». É posible que Tutankhamon sexa o rei Nibhurrereya das cartas de Amarna, e probablemente o monarca denominado Ratotis, Intres ou Atoris, que reinou nove anos, segundo os posteriores epítomes da obra de Manetón.

Tutankhamon non foi un faraón notable nin coñecido en épocas antigas; o tamaño relativamente pequeno da súa tumba (KV62) foi a razón de que non fose descuberta ata o século XX. Howard Carter atopouna intacta en 1922. O seu descubrimento e os tesouros atopados nela tiveron cobertura mundial na prensa e renovaron o interese do público polo Antigo Exipto, converténdose a máscara funeraria do faraón na imaxe máis popular. O achado da súa tumba, case intacta, supuxo unha achega fundamental para a comprensión da historia e cultura exipcia. Posibilitou sacar á luz unha cantidade apreciable de xoias, mobles, armas e variados utensilios, achegando unha información fundamental que permitiu ampliar o coñecemento da civilización exipcia.

Aínda que formalmente defínese que a dinastía XVIII finaliza co reinado de Horemheb, pódese afirmar cun alto grao de certeza que o mozo Tutankhamon foi o último faraón de sangue real da dinastía. Ascendeu ao trono despois do período de Amarna e devolveu aos sacerdotes de Amón a influencia e o poder que posuíran antes da revolución relixiosa e política de Akhenatón. Durante o seu curto reinado estivo en mans de Ay e Horemheb, que se repartiron o poder: Ay administrou Exipto e Horemheb manexou o exército. O seu reinado caracterizouse por un retorno á normalidade no plano socio-relixioso despois do interludio protagonizado por Akhenatón. Devandito retorno foi paulatino, restaurando o culto nos templos abandonados de deuses como Amón, Osiris ou Ptah, e permitindo a celebración dos ritos pertinentes.

Sabías que...?

editar


Artigos de calidade e bos

editar

Artigos de calidade (0)

Artigos bos (0)

Proxectos relacionados
Portais relacionados
Proxectos irmáns

editar

Wikimedia Commons
Wikimedia Commons

en Commons


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by razib.in