A Illa de Irlanda é polo seu tamaño a terceira illa de Europa e a vixésima do mundo. Atópase ao noroeste da Europa continental, no lado occidental do Mar de Irlanda, ao oeste da illa de Gran Bretaña, e atópase rodeada por centenares de illas menores e illotes. Dous países posúen soberanía sobre a illa, a República de Irlanda, un país independente, que ocupa aproximadamente cinco sextas partes da illa, e Irlanda do Norte, unha rexión administrativa do Reino Unido, que ocupa a sexta parte restante, no extremo nororiental da illa.
O Alzamento de Pascua (en gaélico: Éirí Amach na Cásca) foi unha rebelión que tivo lugar en Irlanda durante a Pascua de 1916. O alzamento foi un intento de republicanos irlandeses co obxectivo de rematar co dominio Británico en Irlanda e establecer unha República Irlandesa nun momento no que o Imperio Británico estaba inmerso na Primeira Guerra Mundial. Foi a sublevación máis significativa que houbo en Irlanda tras a rebelión irlandesa de 1798.
O Alzamento foi sufocado tras sete días de loita, e os seus líderes foron sometidos a consellos de guerra e posteriormente executados, pero tiveron éxito en facer que os políticos irlandeses volveran a tomar en consideración unha vía de republicanismo irlandés a través das armas.
O acontecemento acostuma interpretarse como o momento clave do proceso de independencia irlandesa, aínda que tamén marcou a división entre republicanismo e nacionalismo irlandés, que ata o momento aceptara a promesa dunha autonomía limitada baixo a Coroa británica. Tal autonomía fora plasmada na terceira Home Rule en Irlanda, ou Home Rule en inglés, aprobada en 1914 e suspendida durante a Primeira Guerra Mundial.
A pesar de que Joyce viviu fóra do seu país natal a meirande parte da súa vida adulta, as súas experiencias irlandesas son esenciais na súa obra e fornécenlle toda a ambientación e moita parte da temática. O seu universo ficcional arráigase fortemente en Dublín e reflicte a súa vida familiar e sucesos, amizades e inimizades dos tempos da escola e da facultade. Desta forma, é un dos máis cosmopolitas e particularistas dos autores modernistas en inglés.