Os Premios Princesa de Asturias[1] (Premios Príncipe de Asturias ata o 2014) nacen en 1981, convocados pola Fundación Princesa de Asturias que foi creada o 24 de setembro de 1980.[2] Son entregados anualmente[3] en Oviedo, capital do Principado de Asturias.
Dende o inicio o presidente de honor foi Filipe de Borbón en calidade de príncipe de Asturias mais, en outubro de 2014, o padroado da Fundación Príncipe de Asturias aprobou que tanto a institución como os premios pasasen a denominarse «Princesa de Asturias» por mor da proclamación de Filipe de Borbón como rei, Filipe VI, polo que a súa herdeira, a infanta Leonor, pasou a ser Princesa de Asturias e herdeira da Coroa de España e Presidenta de Honor da Fundación Princesa de Asturias.[4][5][6]