Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Durante a guerra fría, a Primavera de Praga (en checo: Pražské jaro; en eslovaco: Pražská jar) foi un período de intento de liberalización política en Checoslovaquia que durou dende o 5 de xaneiro de 1968 ata o 20 de agosto dese mesmo ano, cando o país foi invadido pola URSS, e os seus aliados no Pacto de Varsovia (fóra de Romanía) nunha acción que pretendía evitar o ingreso dun potencial sistema capitalista dentro de Checoslovaquia.
Os checos e os eslovacos mostraban crecentes signos de independencia baixo o liderado de Alexander Dubček. As reformas de Dubček en materia dos procesos políticos dentro de Checoslovaquia, ás que el se refería como "Socialismo con rostro humano", non representaba unha completa destrución do vello réxime, como no caso de Hungría en 1956. De todos os xeitos, isto foi visto polos líderes soviéticos como unha ameaza á súa hexemonía sobre os outros estados de Europa do Leste.
A política da URSS de reforzar aos gobernos leais dentro dos seus estados satélites, usando a forza militar de ser necesario, foi coñecida como a Doutrina Brezhnev, chamada así en honra ao líder soviético Leonid Brezhnev, quen foi o primeiro en declarala publicamente. Esta doutrina continuou aplicándose ata que foi remplazada pola Doutrina Sinatra, baixo o réxime de Mijail Gorbachov nos 1980s.
O período de liberalización política en Checoslovaquia chegou ao seu final o 20 de agosto de 1968, cando 200.000 soldados e 5.000 tanques do Pacto de Varsovia invadiron o país. As críticas dende Occidente foron case inexistentes; escritores de esquerda, como Tariq Ali, argumentaron que isto se debía a que os estados de Occidente vían o socialismo humano e democrático de Checoslovaquia como unha ameaza máis grande ao capitalismo que o comunismo soviético que, en gran medida, xa estaba moi desacreditado en 1968.
Unha década despois, A Primavera de Praga "prestou" o seu nome a un período de aperturismo político na China, coñecido como a Primavera de Pequín.