Proteoglicano

Os proteoglicanos (antes chamados mucoproteínas) son glicoproteínas presentes no tecido conectivo,[1] que están moi glicosiladas, debido a que ao núcleo formado pola proteína están unidas covalentemente unha ou máis cadeas de glicosaminoglicanos (GAG), que poden chegar a cen.[2] O punto de unión máis común entre ambos os compoñentes é un residuo de serina da proteína, ao cal, se une o glicosaminoglicano. No caso do condroitín sulfato, este únese á cadea lateral da serina (enlace por O) por medio dunha ponte tetrasacárida, é dicir, a serina estaría unida a unha cadea de catro azucres e estes ao resto do glicosaminoglicano. Un esquema sería: PROTEÍNA-xilosa-galactosa-galactosa-ácido glicurónico-CONDROITÍN SULFATO. O residuo de serina encóntrase xeralmente formando parte da secuencia -serina-glicina-X-glicina- (onde X pode ser calquera residuo de aminoácido), aínda que non todas as proteínas con esta secuencia teñen un glicosaminoglicano unido. Apártanse deste esquema algúns glicosaminoglicanos como o queratán sulfato, que se une á proteína por un residuo de asparaxina (unión por N) ou noutros casos por un residuo de treonina ou serina (unión por O) [3]. En realidade, case todos os glicosaminoglicanos están unidos a proteínas formando proteoglicanos (unha excepción importante é o ácido hialurónico, que pode aparecer só ou formando grandes agregados). As cadeas son longas, e os polímeros liñais destes carbohidratos están cargados negativamente en condicións fisiolóxicas, debido á presenza de sulfato e ácido urónico. Un proteoglicano pode conter cadeas de distintos glicosaminoglicanos.

Os proteoglicanos son moi diferentes das glicoproteínas típicas, porque estas últimas son xeralmente menores e teñen unha proporción de carbohidrato entre o 1 e o 60% do peso, forman cadeas curtas ramificadas e adoitan conter ácido siálico, pero os proteoglicanos normalmente son maiores, teñen entre un 90 e 95% do peso de carbohidrato, formando cadeas non ramificadas nas que son máis raros os ácidos siálicos.[4]

  1. MeshName - Proteoglycans
  2. Gerhard Meisenberg, William H. Simmons (2006). Elsevier Health Sciences, ed. Principles of medical biochemistry. pp. 243–. ISBN 978-0-323-02942-1. Consultado o 7 xuño 2012. 
  3. Jeffrey D Esko, Koji Kimata, and Ulf Lindahl. Chapter 16. Proteoglycans and Sulfated Glycosaminoglycans. Bookshelf ID: NBK1900. PMID 20301236. [1]
  4. Bruce Alberts et al. Biología Molecular de la Célula. Omega. 1986. Páxinas 753-755. ISBN 84-282-0752-6

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy