As Protestas da Praza Tian'anmen de 1989, tamén coñecidas como Masacre da Praza Tian’anmen ou Incidente do 4 de xuño, foron unha serie de protestas lideradas por estudantes, intelectuais e activistas laborais na República Popular Chinesa que ocorreron entre o 15 de abril e o 4 de xuño de 1989. A protesta debeu o seu nome á localización da violenta supresión do movemento, que foi na Praza Tian'anmen de Pequín, polo Exército Popular de Liberación. Os manifestantes proviñan de distintos grupos, dende os intelectuais que pensaban que o goberno do Partido Comunista Chinés era demasiado corrupto e represor, até os traballadores urbanos que pensaban que a reforma económica chinesa chegara demasiado lonxe e que a inflación e o desemprego xeneralizado estaban a ameazar a súa forma de vida.
Tralas protestas e as chamadas do goberno pedindo a súa disolución, no interior do Partido Comunista produciuse unha división de criterio sobre como responder ós manifestantes. Finalmente a decisión tomada foi suprimir as protestas pola forza, en troques de ceder perante as súas demandas. O 20 de maio o goberno declarou a lei marcial e, na noite do 3 de xuño e mañanciña do 4 de xuño, enviou os tanques e a infantaría á Praza Tian'anmen para dar remate ás protestas. As estimacións de civís mortos diverxen: 400-800 (New York Times[1]), 1.000 (CIA), 2.600 (Cruz Vermella Chinesa) e os manifestantes din ser sobre 7000 o número de mortos. O número de feridos compréndese entre os 7.000 e os 10.000. Trala protesta, o goberno emprendeu un gran número de arrestos para suprimir os instigadores do movemento, expulsou a prensa foránea e controlou estritamente a cobertura dos acontecementos na prensa chinesa. A violenta supresión das protestas na Praza Tian'anmen causou a condena internacional da actuación do goberno da República Popular Chinesa[2].
Nos derradeiros días da protesta foi tomada a fotografía gañadora do World Press Photo de 1989, “O rebelde descoñecido”, tomada por Jeff Widener e que mostra un rebelde solitario detendo o progreso dunha columna de tanques.