Protozoos

O ciliado Stentor.
Amoeba, unha ameba.
Paramecium, un ciliado.
Giardia, un flaxelado parasito.

Os protozoos ou protozoarios, son organismos xeralmente microscópicos, unicelulares, eucariotas, heterótrofos, fagótrofos, depredadores ou detritívoros, ou parasitos ou ás veces mixótrofos (parcialmente autótrofos); que viven en ambientes húmidos ou directamente en medios acuáticos de auga salgada ou doce ou no corpo doutros seres vivos, e que se reproducen de forma asexual por fisión binaria e tamén sexual por isogametos ou por conxugación intercambiando material xenético. A maioría miden unhas poucas decenas de microns, pero algúns poden verse a simple vista (algúns nummulites fósiles miden varios centímetros). Neste grupo encádranse taxons moi diversos cunha relación de parentesco remota, clasificados en moitos filos distintos do reino Protista. Porén, os protozoos son un grupo polifilético, e o termo non ten valor na clasificación taxonómica actual, pero foi utilizado nas clasificacións anteriores.

Aínda que nas clasificacións modernas foi desaparecendo o termo protozoo, o protistólogo Thomas Cavalier-Smith recuperou recentemente o termo Protozoa para denominar a un reino eucariótico (véxase máis abaixo) na súa clasificación dos protistas, pero os límites deste taxon Protozoa non coinciden cos tradicionais.[1]

  1. Cavalier-Smith, T. (2006). "Protozoa: the most abundant predators on earth". Microbiology Today Nov 06 (Pt): 166-169 (pdf aquí). 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy