Os pseudoxenes son secuencias nucleotídicas similares a xenes pero consideradas non funcionais, que perderon a súa capacidade de codificar proteínas ou dalgún outro modo xa non se expresan na célula.[1] Aínda que algúns carecen de intróns ou promotores (como ocorre nos pseudoxenes procesados, que foron copiados dun ARNm e incorporados ao cromosoma),[2] a maioría teñen algunhas características típicas dos xenes, como promotores, illas CpG, e sitios de empalme, pero son considerados non funcionais debido a que non teñen capacidade de codificar proteínas como resultado de varias discapacidades xenéticas, como codóns de stop prematuros, corremento da pauta de lectura, ou falta de transcrición, ou a súa incapacidade de codificar ARN (como no caso dos pseudoxenes de ARNr). Así, o termo acuñado en 1977 por Jacq, et al.,[3] significa "falso xene".
Como en xeral se cre que os pseudoxenes son o último paso ao que chega o material xenético que vai ser eliminado do xenoma,[4] frecuentemente se consideran como ADN lixo, aínda que os indicios de certa funcionalidade atopada nuns poucos pseudoxenes nos últimos anos podería matizar esta idea. Estes últimos descubrimentos fixeron que haxa unha certa división entre os xenetistas sobre a definición precisa de pseudoxene e a natureza do seu produto final (debe ser unha proteína? pode ser ARN? poden ser pseudoxenes de ARNt ou ARNr?). Unha definición operacional de pseudoxene pode ser a seguinte: fragmento de secuencia nucleotídica que lembra a secuencia de dominios proteicos coñecidos pero con codóns de stop ou cambios de pautas de lectura en medio do dominio.
Malia a súa non funcionalidade, os pseudoxenes conteñen historias biolóxicas e evolutivas fascinantes nas súas secuencias. Isto débese a que un pseudoxene comparte un antepasado cun xene funcional: igual que as especies evolucionan a partir doutras especies anteriores e as especies emparentadas teñen un devanceiro común, un pseudoxene e o seu xene funcional asociado tamén comparten un xene antepasado común e diverxiron como entidades xenéticas separadas hai millóns de anos.
<ref>
non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome Zheng