Purgatorio

Igrexa de Santiago de Breixa (Silleda)

Na teoloxía católica, o purgatorio é o lugar de limpeza e expiación dos pecados onde, despois da morte, as persoas que morreron sen pecado mortal (ofensa directa a Deus), pero que cometeron pecados leves na súa vida, teñen que limpar esas culpas para poder alcanzar o ceo. Debido a que todo aquel que entra no purgatorio terminará chegando ó ceo tarde ou cedo, o purgatorio non é unha forma de inferno. As pregarias polos mortos e as indulxencias poden abreviar a estadía dun ou varios dos seres queridos que estean en dito lugar.

Nos primeiros séculos do Cristianismo non existía a noción do purgatorio, pero adóitase ver no seguinte texto do Antigo Testamento a primeira referencia:

"Despois fixo unha colecta, e as dúas mil dracmas de prata que recolleu mandounas a Xerusalén para que ofrecesen un sacrificio de expiación. Un feito digno e nobre para o que pensa na resurrección; pois se non crese na resurrección dos mortos, non sei a que viría rezar polos defuntos. Pero para o que pensa que ós que morren piadosamente lles está reservada unha recompensa magnífica, a cousa é piadosa e santa. Por iso mandou ofrecer un sacrificio de expiación polos mortos, para que se lles perdoasen os pecados".
Segundo Libro dos Macabeos, 12, 43-46 [1]

A idea da existencia dun purgatorio xorde no século XII coincidindo coa aparición dunha nova clase social: a clase media urbana, co que se crea un sistema máis complexo de castigo e expiación dos pecados, pero foi obxecto de fortes controversias que se documentan, como mínimo, desde o Concilio de Lión de 1274. Finalmente, foi no Concilio de Trento (1545-1563) cando se alcanzou a súa formulación definitiva como dogma de fe.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by razib.in