Quercus | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Follas e landras do carballo común (Quercus robur) | |||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||
Non está ameazada | |||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||
| |||||||||||||
Especies | |||||||||||||
|
Quercus é un xénero da familia das fagáceas que comprende cerca de seiscentas especies de árbores e arbustos propias do hemisferio norte e que inclúe tanto especies caducifolias coma perennes.
Os Querci esténdese tanto por zonas de clima atlántico como clima continental ou clima mediterráneo, dende Eurasia até América e medran en calquera tipo de terreo, tanto en chairas como en ladeiras rochosas.
En xeral, as especies de folla caduca distribúense máis cara ao norte e as de folla persistente, cara ao sur. Caracterízanse por ser árbores rexas e fortes e polos froitos: as landras.
Cómpre ter en conta que tamén se denominan carballos as especies tropicais doutros xéneros relacionados, principalmente Lithocarpus.
Diferentes especies de carballos son moi frecuentes en toda Galicia, salientando o carballo común (ver lista de especies habituais en Galicia abaixo). De feito os carballos constitúen a formación forestal máis representativa do país: a carballeira.
As carballeiras teñen estado en regresión debido sobre todo á actividade humana e á substitución destes bosques por reforestacións de especies foráneas coma o piñeiro bravo ou o eucalipto; con todo, a extensión das carballeiras incrementouse nos últimos anos, especialmente nas zonas do interior.