Quimioterapia

Este artigo trata sobre a quimioterapia contra o cancro. Para a quimioterapia contra axentes infecciosos ver Quimioterapia antimicrobiana.
Aviso médico
Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.
Muller que está a ser tratada con quimioterapia con docetaxel para un cancro de mama. Protexe mans e pés para aliviar a dor nas uñas.

A quimioterapia (ás veces abreviada como quimio) é un tipo de tratamento do cancro que utiliza substancias químicas, especialmente un ou máis fármacos anticancro (axentes quimioterápicos) que se administran como parte dun réxime de tratamento estandarizado (réxime de quimioterapia). A quimioterapia pode administrarse con intención curativa, ou pode ter o obxectivo de prolongar a vida ou de reducir os síntomas (quimioterapia paliativa). Xunto coa terapia hormonal e a terapia dirixida a diana (targeted therapy), é unha das principais ramas da oncoloxía médica (farmacoterapia contra o cancro). Estas modalidades úsanse a miúdo en conxunción con outros tratamentos, como a radioterapia, cirurxía, ou terapia de hipertermia. Algúns fármacos quimioterápicos utilízanse tamén para tratar outras condicións, como a amiloidose primaria, espondilite anquilosante, esclerose múltiple, enfermidade de Crohn, psoríase, artrite psoriátrica, lupus eritematoso sistémico, artrite reumatoide e escleroderma.

Os axentes quimioterápicos tradicionais son citotóxicos, é dicir, actúan matando as células que se dividen rapidamente, que é unha das principais propiedades da maioría das células cancerosas. Isto significa que a quimioterapia tamén dana a outras células que se dividen rapidamente en circunstancias normais: células da medula ósea, do tracto dixestivo, e folículos pilosos. Isto ten como resultado os efectos laterais máis comúns da quimioterapia, que son: mielosupresión (diminución da produción de células sanguíneas, e, por tanto, tamén inmunosupresión), mucosite (inflamación da mucosa que tapiza o tracto dixestivo), e alopecia (caída do cabelo).

Algúns fármacos anticancro novos (por exemplo, varios anticorpos monoclonais) non son citotóxicos indiscriminadamente, senón que afectan só a proteínas diana que se expresan anormalmente en células cancerosas e que son esenciais para o seu crecemento. Estes tratamentos denomínanse xeralmente terapia dirixida a diana (diferente da quimioterapia clásica) e úsanse xeralmente xunto con axentes quimioterápicos tradicionais en réximes de tratamento antineoplásticos.

A quimioterapia pode utilizar un fármaco de cada vez (quimioterapia dun axente) ou varios fármacos á vez (quimioterapia de combinación ou poliquimioterapia). A combinación de quimioterapia e radioterapia denomínase quimiorradioterapia. A quimioterapia que usa fármacos que só adquiren actividade citotóxica coa exposición á luz chámase fotoquimioterapia ou terapia fotodinámica.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy