Rabia | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
Can con rabia, deixando cae-la saliva da boca (1955). | |
ICD-10 | A82 |
DiseasesDB | 11148 |
MedlinePlus | 001334 |
eMedicine | eerg/493 ped/1974 |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
A rabia é unha enfermidade infecciosa, producida polo virus da rabia da familia Rhabdoviridae, xénero Lyssavirus, transmisible entre os animais de sangue quente, incluído o home, polo que se clasifica como zoonose. Afecta ao sistema nervioso e causa encefalite. En España non se detectaron casos de rabia entre animais salvaxes terrestres desde 1975, en Málaga, aínda que nos anos oitenta e noventa comprobouse a presenza do virus en cans en Ceuta e Melilla. O último caso español de rabia humana mortal foi en Melilla, en 1979. A partir de 1987 diagnosticouse a presenza do virus nos morcegos insectívoros da península, e desde entón houbo máis casos nestas especies. Como segue sendo unha enfermidade enzoótica en Marrocos, Andalucía presenta máis risco.
O 5 de xuño de 2013 reportouse un caso de rabia nun can de Toledo que finou abatido pola policía o 1 de xuño. O can fora vacinado, pero viaxara a Marrocos en decembro de 2012 sen se cumprir o tempo recomendado para o desenvolvemento da inmunidade á rabia.[1] Os propietarios do can infectado introducírano en España no mes de abril desde Marrocos e un deles viaxou con el dende Cataluña ata Castela-A Mancha no mes de maio, ata que escapou o 31 de maio de 2013.[1]
En Galicia, o último caso diagnosticouse en 1962 aínda que ata 1994 non se declarou oficialmente o territorio libre de rabia.
Nos países da Unión Europea só houbo un único caso, mortal, en 2009, dun cidadán de Romanía. Non obstante, no mesmo ano detectáronse 859 casos de rabia animal (151 en animais domésticos, 671 en animais salvaxes e 37 en morcegos), en Romanía, Letonia, Italia, Bulgaria e Lituania, pero tamén algún resultado positivo en morcegos en Francia e Holanda.
Considérase como enfermidade de declaración obrigatoria, tanto nos casos humanos coma nos animais.
O 28 de setembro celébrase o Día Mundial contra a Rabia (o 28 de setembro de 1895 morreu Louis Pasteur, descubridor da vacina contra a rabia) [2]. A enfermidade aínda afecta a máis de 150 países no mundo e provoca decenas de miles de mortes anuais, especialmente en Asia e África. A vacinación é un método preventivo totalmente eficaz.