Un receptor de neurotransmisor, tamén chamado neurorreceptor, é unha proteína receptora de membrana das células do sistema nervioso, musculares e inmunitarias,[1] que é activada por un neurotransmisor.[2] Os compostos químicos de fóra da célula, como un neurotransmisor, poden chocar coa membrana celular e poden encontrar receptores ao longo da membrana. Se un neurotransmisor choca co seu receptor correspondente, únense e poden desencadear outros eventos dentro da célula. Por tanto, un receptor de membrana forma parte da maquinaria molecular que permite que as células se comuniquen entre elas. Un receptor de neurotransmisor é unha clase de receptores que se une especificamente con neurotransmisores e non a outras moléculas.
En células postsinápticas os receptores de neurotransmisores reciben sinais que desencadean un sinal eléctrico ao regularen a actividade de canles iónicas. O influxo de ións polas canles iónicas abertas debido á unión de neurotransmisores a receptores específicos pode cambiar o potencial de membrana dunha neurona. Isto pode resultar nun sinal que discorre ao longo do axón e transmítese a través da sinapse a outra neurona e posiblemente a unha rede neural.[1] Nas células presinápticas pode haber receptores específicos para os neurotransmisores liberados pola propia célula, que se denominan autorreceptores, o cal proporciona unha retroalimentación e evita unha excesiva liberación de neurotransmisores.[3]
Hai dous grandes tipos de receptores de neurotransmisores: ionotrópicos e metabotrópicos. Nos ionotrópicos os ións poden pasar a través do receptor, mentres que nos metabotrópicos un segundo mensaxeiro no interior da célula transmite a mensaxe (por tanto, os receptores metabotrópicos non teñen canles). Os receptores metabotrópicos son receptores acoplados á proteína G.[2][4] Os receptores ionotrópicos, tamén chamados canles iónicas reguladas por ligando, poden ser excitados por neurotransmisores (que son os ligandos) como o glutamato e aspartato. Estes receptores poden tamén ser inhibidos por neurotransmisores como o GABA e a glicina. Inversamente, os receptores acoplados á proteína G non son excitadores nin inhibidores, senón que teñen un amplo número de funcións como modular as accións de canles iónicas excitadoras e inhibidoras ou desencadear unha fervenza de sinalización que libera calcio dos almacéns do interior da célula.[2] A maioría dos receptores de neurotransmisores están acoplados á proteína G.[1]