Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde marzo de 2018.) |
A Reconquista é o nome co que se coñece tradicionalmente ao proceso histórico por medio do cal os reinos cristiáns do norte da Península Ibérica van conquistar progresivamente o al-Ándalus. Considérase que comeza no 722 coa resistencia das sociedades montañesas ó avance dos musulmáns coa Batalla de Covadonga e vai finalizar no 1492 coa conquista do Reino de Granada.
Segundo a historiografía recente o termo reconquista é historicamente inexacto e inapropiado[1], dado que os reinos cristiáns que van conquistar o territorio andalusí constituíronse como sociedades despois da ocupación islámica da península, a pesar dos esforzos dalgúns monarcas peninsulares para presentarse como herdeiros directos do antigo reino visigodo de Toledo. Ademais, segundo esta interpretación actual, reconquista é un concepto parcial, xa que só presenta a visión cristiá deste complexo proceso histórico, obviando o punto de vista dos andalusís. Polo tanto tense suxerido como denominacións alternativas Conquista cristiá, Conquista feudal de al-Ándalus, ou directamente Colonización feudal da Península Ibérica, entre outros nomes.
Fai falla ter presente tamén que a colonización de al-Ándalus non é un feito exclusivo hispánico, xa que se explica nun contexto europeo caracterizado pola expansión da sociedade feudal dende o núcleo orixinal do Feudalismo, ó centre de Europa occidental, cara a periferia, sendo así un proceso histórico que responde ós mesmos parámetros que outros procesos contemporáneos como a conquista e colonización inglesa de Irlanda, a expansión alemá ó leste do río Elba (proceso coñecido co termo ideolóxico de Drang nach Osten ou “Marcha ó leste”), e a expansión franca a Terra Santa mediante as Cruzadas e a creación do Reino de Xerusalén, entre outros.