Reforma protestante

A vidreira da Reforma nunha igrexa luterana de Carolina do Sur mostra escenas claves da Reforma protestante.

A Reforma protestante, ou simplemente a Reforma, foi un movemento de reforma cristiá no Sacro Imperio Romano Xermánico que xeralmente se considera que comeza a partir da publicación das 95 Teses de Martiño Lutero, en 1517, aínda que existen unha serie de precursores como Jan Hus anteriores a este evento. Como período histórico, a Reforma considérase que termina coa Paz de Westfalia en 1648 dando fin ás guerras de relixión en Europa[1]; con todo, moitas das denominacións que se produciron durante este período seguen existindo e o protestantismo constitúe unha das ramas máis importantes do cristianismo hoxe en día. Aínda que o movemento comezou como unha tentativa de reformar a Igrexa católica, os movementos acabaron coa escisión dos grupos reformistas e co establecemento de novas institucións, principalmente, o luteranismo, o calvinismo e o anabaptismo.

Moitos católicos de Occidente estaban descontentos coas falsas doutrinas e malas prácticas dentro da Igrexa, as cales consideraban impropias, especialmente no caso da venda de indulxencias. Outra controversia importante foi a práctica de compra e venda de posicións de prestixio no seo da Igrexa (simonía), considerada naquel tempo como unha auténtica corrupción na xerarquía eclesiástica. Esta corrupción considerábase sistémica, chegando mesmo á posición do Papa.

A Reforma en xeral considérase que comeza o 31 de outubro de 1517, na actual rexión alemá de Saxonia, cando Martiño Lutero cravou unha copia das súas noventa e cinco teses na porta da igrexa do castelo de Wittenberg[2], que se empregaba como taboleiro de avisos para a universidade. Nestes noventa e cinco puntos, Lutero expuña as súas críticas á igrexa e ao Papa. Os puntos máis controvertidos centrábanse nas prácticas de venda de indulxencias e na doutrina da igrexa referente ao purgatorio. Os predecesores espirituais de Lutero foron homes como John Wycliffe e Jan Hus. Outros pastores e teólogos de ideas radicais, como Huldrych Zwingli e Jean Calvin, seguiron o camiño iniciado por Lutero. As crenzas e prácticas da igrexa atacadas polos reformistas incluían o purgatorio, o xuízo particular ás almas, a devoción pola Virxe María, a intercesión dos santos, a meirande parte dos sacramentos, o celibato que debían gardar os sacerdotes e os monxes, e maila autoridade do Papa.

O movemento de reforma axiña se dividiu en diferentes liñas doutrinais. Os desacordos entre Lutero e Zwingli, e máis tarde entre Lutero e Jean Calvin, conduciron á aparición das igrexas protestantes rivais. As denominacións cristiás máis importantes que xurdiron directamente da Reforma foron os luteranos, os reformados/calvinistas/presbiterianos e os anabaptistas. A Reforma protestante tamén é coñecida como a Reforma xermánica, a Revolución protestante, a Revolta protestante e, en Alemaña, a Reforma luterana. O proceso de reforma diferenciouse de forma notábel dos acontecementos de Inglaterra, que levarían á formación da Igrexa anglicana. Alí, o período de reforma coñécese como a Reforma inglesa. Asemade, os reformistas tamén aceleraron o proceso de Contrarreforma na Igrexa católica. A Reforma implicou aspectos culturais, económicos políticos e relixiosos

  1. History.com (ed.). "The reformation". Consultado o 3 de decembro de 2013. 
  2. Kuiper, BK (1988). The Church in B. Eerdmans Publishing (en inglés). p. 165. ISBN 0802817777. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy