O Reino de Sussex ou Reino dos saxóns do Sur (en inglés antigo: Sūþseaxna rīce) foi unha colonia saxoa e posteriormente un reino independente dos saxóns na costa sur de Inglaterra fundado no século V, tras a retirada dos romanos da illa de Britania. Foi un dos estados da denominada Heptarquía Anglosaxoa, período da historia inglesa entre os séculos V e IX. Aínda que é considerado un dos sete reinos principais da Heptarquía, a súa importancia política foi menor mesmo que a dalgúns reinos considerados secundarios como Hwicce ou Lindsey. A historia do reino está chea de lagoas e os reinos veciños de Wessex e Mercia exerceron o seu dominio sobre Sussex desde mediados do século VI até a súa incorporación definitiva ao reino anglosaxón no 825.