Ribosoma

Subunidade maior do ribosoma.
Subunidade menor do ribosoma.

Os ribosomas son complexos de proteínas e ARN encargados de levar a cabo a síntese de proteínas. Para iso, empregan a información xenética que reciben do ADN transcrita en forma de ARN mensaxeiro (ARNm). Só son visibles ao microscopio electrónico, debido ao seu reducido tamaño (uns 30 nanómetros). Con microscopio electrónico aparecen como estruturas arredondadas, densas aos electróns. Con microscopio óptico vese que son os responsables da basofilia que presentan algunhas células. Están presentes en todas as células agás nos espermatozoides. Tradicionalmente considéranse orgánulos que carecen de membrana[1][2] ou son tratados como complexos macromoleculares.

En células eucariotas, os ribosomas fabrícanse no nucléolo do núcleo pero desempeñan a súa función de síntese só no citoplasma. Están formados por ARN ribosómico (ARNr) e por proteínas. Estruturalmente, teñen dúas subunidades de distinto tamaño, maior e menor, formadas por separado no núcleo. Saen do núcleo e poden permanecer separadas no citoplasma, pero para que o ribosoma funcione as dúas subunidades deben estar unidas. Acabada a síntese as subunidades sepáranse de novo. As subunidades mantéñense unidas por cargas eléctricas, e ao diminuír experimentalmente a concentración de Mg2+, as subunidades tenden a separarse. Cando os ribosomas están completos, poden estar illados ou formando grupos (polisomas ou polirribosomas). Tanto os ARNr como as subunidades dos ribosomas poden distinguirse polo seu coeficiente de sedimentación en unidades svedberg (S). En eucariotas os ribosomas do citoplasma son de 80 S. En mitocondrias e plastos de eucariotas, así como en procariotas, son de 70 S. Esta similitude dos ribosomas de bacterias, mitocondrias e plastos indica unha orixe evolutiva común[3][4].

Os exames de cristalografía dos ribosomas mostran que as proteínas do orgánulo non están preto dos sitios de reacción para a síntese dos polipéptidos, o que suxire que os compoñentes proteicos actúan no ribosoma como un armazón estrutural que reforza a capacidade catalítica de ribozima do ARNr, que é o que realmente participa na catálise. A actividade similar aos ribozimas dos ribosomas fai pensar que son restos do "mundo de ARN", que se pensa que existiu no período da orixe da vida na Terra.[5]

Os ribosomas foron descubertos na década de 1950 polo biólogo romanés George Palade usando microscopio electrónico como partículas ou gránulos densos,[6] polo cal recibiu o premio Nobel. Pero o termo ribosoma foi proposto polo científico Richard B. Roberts en 1958, e vén de "ribo" (ribonucleico) e "soma" (corpo).

  1. Campbell and Reece, Biology 6th edition, Benjamin Cummings, 2002
  2. Cormack, David H. (1984) Introduction to Histology, Lippincott, ISBN 0-397-52114-6
  3. Benne R, Sloof P (1987). "Evolution of the mitochondrial protein synthetic machinery". BioSystems 21 (1): 51–68. PMID 2446672. doi:10.1016/0303-2647(87)90006-2. 
  4. "Ribosomes". Arquivado dende o orixinal o 20 de marzo de 2009. Consultado o 4-28-2011. 
  5. Cech T (2000). "Structural biology. The ribosome is a ribozyme". Science 289 (5481): 878–9. PMID 10960319. doi:10.1126/science.289.5481.878. 
  6. G.E. Palade. (1955) "A small particulate component of the cytoplasm". J Biophys Biochem Cytol. Jan;1(1): pages 59-68. PMID 14381428

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy