Un robot é un dispositivo, ou grupo de dispositivos, electromecánicos ou biomecánicos que poden realizar tarefas de maneira autónoma, preprogramada, ou so control humano. Un robot pode actuar baixo control directo dun ser humano (p.ex. o brazo robótico da lanzadeira espacial) ou autónomo baixo control dun ordenador preprogramado. Hai autores que fan fincapé na distinción entre mecanismo (cando precisa intervención humana para funcionar), autómata (cando o sistema reproduce un mesmo programa -unha mesma acción- unha e outra vez sen intervención humana, podendo incluso tomar decisións) e un robot, que se diferenciaría pola versatilidade: pode ser reprogramado e realizar diferentes accións en función do programa que execute, así por exemplo, unha porta que detecta a nosa presenza e abre e pecha automaticamente é un automatismo, non é un robot; só pode facer iso. O brazo mecánico controlado por un ordenador que pinta ou solda nunha cadea de montaxe distintos modelos de coches, si sería un robot. Os robots pódense utilizar para realizar as tarefas que son demasiado perigosas ou difíciles para que os seres humanos as executen directamente ou para automatizar tarefas repetitivas que se poden realizar de xeito máis barato por un robot que polo ser humano (p. ex. na produción do automóbil).