Scottie Maurice Pippen, nado o 25 de setembro de 1965 en Hamburg, no condado de Ashley (Arcansas), é un ex xogador profesional de baloncesto estadounidense que desenvolveu a maior parte da súa carreira na National Basketball Association (NBA). Alculamdo "Pip", é principalmente lembrado pola súa etapa nos Chicago Bulls, cos que gañou seis campionatos da NBA e bateu o récord de vitorias nunha soa tempada con 72. Pippen, xunto con Michael Jordan, xogou un importante papel en transformar aos Bulls nun vehículo para a popularización da NBA ao redor de todo o mundo nos anos 1990.
Considerado un dos mellores ás de todos os tempos, Pippen foi seleccionado no "Quinteto ideal defensivo da NBA" oito veces consecutivas, e no "Quinteto ideal da liga" en tres. Foi até sete veces All-Star, sendo MVP do partido en 1994. Durante a temporada 1995−96 foi nomeado un dos "Cincuenta mellores xogadores da historia da NBA", alén de ser un dos catro xogadores dos Chicago Bulls que teñen o seu dorsal retirado (sendo os outros Jerry Sloan, Bob Love e Michael Jordan). Tamén xogou un papel fundamental nos Chicago Bulls de 1992 e de 1996, que foron seleccionados como dous dos dez mellores equipos da historia da competición até 1996. A súa biografía no sitio web do Naismith Basketball Hall of Fame di: "O multidensional Pippen percorre a pista como un base, ataca a canastra como un ala-pivote, e perfora a rede como un escolta."[1] Durante os seus dezasete anos de carreira profesional, xogou 12 temporadas cos Bulls, unha cos Houston Rockets e catro cos Portland Trail Blazers, chegando aos Play-offs dezaseis veces consecutivas.
Pippen é ademais a única persoa en gañar o título da NBA e o Ouro Olímpico no mesmo ano dúas veces (1992, 1996). Primeiro foi parte do "Dream Team" estadounidense dos Xogos Olímpicos de 1992, que gañou aos seus rivais cunha diferenza media de 44 puntos.[2] Posteriormente foi unha figura chave na consecución da medalla de ouros nos Xogos Olímpicos de 1996, xunto con outros antigos membros do "Dream Team" como Karl Malone, John Stockton e Charles Barkley, así como novas caras como Penny Hardaway e Grant Hill. Levou o dorsal número 8 na camisola nas dúas ocasións. Pippen é membro do Naismith Memorial Basketball Hall of Fame por partida dobre, en honra a súa carreira individual e como membro do "Dream Team". Foi incluído por ambos motivos o 13 de agosto de 2010.[3]