En bioloxía, as secuencias conservadas son secuencias similares ou idénticas que aparecen nos ácidos nucleicos (secuencias de nucleótidos do ADN e ARN), en péptidos e proteínas (secuencias de aminoácidos) ou en carbohidratos poliméricos de distintas especies (secuencias ortólogas) ou en diferentes moléculas producidas por un mesmo organismo (secuencias parálogas). No caso de que haxa conservación en distintas especies, isto indica que unha determinada secuencia puido ser mantida pola evolución a pesar dos cambios implicados na especiación. Canto máis atrás no tempo ao longo dunha árbore filoxenética apareza unha secuencia conservada, máis altamente conservada está. Como a información da secuencia é transmitida normalmente dos pais á proxenie por medio dos xenes, a presenza dunha secuencia conservada implica que existe un xene conservado.
Crese que unha mutación nunha rexión "altamente consevada" orixina unha forma de vida xeralmente non viable, ou unha forma que é eliminada pola selección natural. O que determina a conservación ou non conservación é o ambiente. Se por exemplo, un microorganismo con xenes para a resistencia a antibióticos vive en presenza de antibióticos, os xenes de resistencia estarán moi conservados. Se non vive en presenza de antibióticos, os xenes non serán conservados.