Segunda cruzada

A segunda cruzada (1145-1149) foi a segunda gran cruzada lanzada desde Europa pola cristiandade católica ('latina') como guerra santa contra o islam. A segunda cruzada comezou en resposta á caída do Condado de Edesa o ano anterior en mans do turco Zengi. O condado fora fundado en 1098 durante a primeira cruzada (1096-1099) polo rei Balduíno de Boloña. Así como fora o primeiro estado cruzado a ser fundado, foi despois o primeiro que caeu.

A segunda cruzada foi anunciada polo papa Uxío III, e foi a primeira comandada por reis europeos, é dicir, por Lois VII de Francia e Conrado III de Alemaña, máis a axuda dunha serie doutros nobres europeos. Os exércitos dos dous reis cruzaron Europa por separado e despois de pasar polo territorio bizantino para Anatolia, os dous foron derrotados polos turcos selxúcidas.

A principal fonte cristiá occidental, Eudes de Deuil, e fontes siríacas cristiás afirman que o emperador bizantino Manuel I Comneno secretamente empeceu o avance dos cruzados, particularmente en Anatolia onde, dise, fixo que os turcos os atacasen. Lois e Conrado, cos restos dos seus exércitos chegaron a Xerusalén e participaron, en 1148, do mal aconsellado ataque a Damasco. A cruzada en Oriente foi un fracaso para os cruzados e unha gran vitoria para os musulmáns. Tería unha influencia clave posterior: a caída de Xerusalén, que a finais do século XII daría lugar á terceira cruzada.

O único éxito cristián da segunda cruzada protagonizouno en 1147 unha forza combinada de 13.000 cruzados flamengos, frisios, normandos, ingleses, escoceses e alemáns. Cando viaxaban por barco desde Inglaterra para Terra Santa, o exército detívose e axudou o exército portugués, máis pequeno (7000 homes) a tomar Lisboa e expulsar os seus ocupantes mouros.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by razib.in