Segunda guerra mundial

Segunda guerra mundial

En sentido das agullas do reloxo, comezando dende arriba á esquerda: Forzas chinesas na batalla de Wanjialing, artillaría australiana na primeira batalla de El Alamein, bombardeiros Stuka alemáns na Fronte Oriental en decembro de 1943, forza naval estadounidense na invasión do golfo Lingayen, Wilhelm Keitel asinando a capitulación de Alemaña en 1945, forzas soviéticas na batalla de Stalingrado.
Data 1 de setembro de 1939 - 2 de setembro de 1945
Lugar Europa, África, China, Sueste de Asia, Oriente Medio, mar Mediterráneo, océano Atlántico, océano Pacífico
Resultado Vitoria aliada:
Casus belli Invasión alemá de Polonia
Belixerantes
Aliados

Unión Soviética Unión Soviética (1941–45)
Estados Unidos de América Estados Unidos (1941–45)
Reino Unido Reino Unido
República de China China (1937–45)

Eixe

Alemaña nazi Alemaña
Imperio do Xapón Xapón

Reino de Italia Italia (1940–43)

Líderes
Unión Soviética Iosif Stalin

Franklin D. Roosevelt
Winston Churchill
República da China Chiang Kai-shek
...e outros

Alemaña Nazi Adolf Hitler

Xapón Hirohito
Reino de Italia Benito Mussolini
...e outros

Baixas
Civís
Máis de 45 000 000
Militares
Máis de 16 000 000
Totais
Máis de 61 000 000 (1937–45)
...máis detalles
Civís
Máis de 4 000 000
Militares
Máis de 8 000 000
Totais
Máis de 12 000 000 (1937–45)
...máis detalles

A segunda guerra mundial[1] foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países. Nun estado de "guerra total", os principais participantes adicaron a súa capacidade económica, industrial e científica ó completo ó esforzo de guerra, eliminando as distincións entre recursos militares e civís. Marcada polas mortes masivas de civís, incluíndo o Holocausto, no que faleceron uns 11 millóns de persoas e os bombardeos estratéxicos de centros industriais e de poboación nos que faleceron ó redor dun millón de persoas, incluíndo os bombardeos de Hiroshima e Nagasaki, tivo como resultado final un total de entre 50 e 58 millóns de mortes. Isto fixo da segunda guerra mundial o conflito militar con maior número de mortos na historia da humanidade.

En 1937 o Imperio do Xapón pretendía dominar Asia e o Pacífico e xa estaba en guerra coa República da China, mais a data de inicio da guerra mundial dátase xeralmente no 1 de setembro de 1939 coa invasión de Polonia por parte de Alemaña e as subsecuentes declaracións de guerra de Alemaña a Francia e o Reino Unido. Dende finais de 1939 ata comezos de 1941, mediante unha serie de campañas militares e tratados, Alemaña conquistou ou pasou a controlar gran parte da Europa continental, e formou a alianza do Eixe xunto con Italia e o Xapón. Por medio do Pacto Molotov-Ribbentrop de agosto de 1939, Alemaña e a Unión Soviética dividiron e anexionaron territorios dos seus veciños europeos, incluíndo Polonia, Finlandia, Romanía e os países bálticos. A guerra continuou entre as principais potencias europeas do Eixe e a coalición do Reino Unido e a Commonwealth, con varias campañas no norte e leste de África, a batalla aérea de Inglaterra, a campaña de bombardeo do Blitz, a campaña dos Balcáns e a continuada batalla do Atlántico. En xuño de 1941 as potencias europeas do Eixe comezaron unha invasión da Unión Soviética, abrindo o maior teatro de guerra terrestre da historia, o que bloqueou a gran parte das súas forzas nunha guerra de desgaste. En decembro de 1941 o Xapón atacou os Estados Unidos e invadiu territorios europeos no océano Pacífico, conquistando con rapidez gran parte do Pacífico occidental.

O avance do Eixe detívose en 1942 cando o Xapón perdeu a batalla de Midway preto de Hawai, e cando Alemaña sufriu importantes derrotas no norte de África e Stalingrado. En 1943, tras unha serie de derrotas alemás na Fronte Oriental, a invasión Aliada de Sicilia e Italia deron como resultado a rendición de Italia. Xunto coas vitorias Aliadas no Pacífico, o Eixe perdeu a iniciativa da guerra e levou a cabo unha retirada estratéxica en tódalas frontes. En 1944 os Aliados Occidentais invadiron a Francia ocupada por Alemaña, mentres que a Unión Soviética recuperou o territorio perdido e comezou unha invasión de Alemaña e os seus aliados. Durante os anos 1944 e 1945 os xaponeses sufriron varios reveses no continente asiático, no sur e centro da China e en Birmania, mentres que os Aliados conseguiron debilitar a Armada Xaponesa e capturaron varias illas chave do Pacífico Occidental.

A guerra en Europa concluíu coa invasión de Alemaña por parte dos Aliados Occidentais e da Unión Soviética, culminando na captura de Berlín e a subsecuente rendición incondicional de Alemaña o 8 de maio de 1945. Trala Declaración de Potsdam dos Aliados o 26 de xullo de 1945 e o rexeitamento do Xapón da rendición baixo os seus termos, os Estados Unidos lanzaron bombas atómicas nas cidades xaponesas de Hiroshima e Nagasaki o 6 e o 9 de agosto respectivamente. Cunha inminente invasión do arquipélago xaponés, a posibilidade de novos bombardeos atómicos e a declaración de guerra da Unión Soviética e a invasión de Manchuria, o Xapón rendeuse o 15 de agosto de 1945.

A segunda guerra mundial alterou os aliñamentos políticos e a estrutura social do mundo. Estableceuse a Organización das Nacións Unidas co obxectivo de fomentar a cooperación internacional e previr conflitos futuros semellantes, e as grandes potencias mundiais vitoriosas —os Estados Unidos, a Unión Soviética, a China, o Reino Unido e Francia— convertéronse en membros permanentes do seu Consello de Seguridade. A Unión Soviética e os Estados Unidos xurdiron como superpotencias mundiais, preparando o escenario da guerra fría que duraría 46 anos. Ó mesmo tempo a influencia mundial das potencias europeas diminuíu considerablemente, dando lugar a descolonización de Asia e África. A maioría de países que viron a súa industria danada pola guerra comezaron diversos esforzos para unha recuperación económica, e a integración política, especialmente en Europa, xurdiu como un esforzo para atallar conflitos evitando posibles guerras e co obxectivo de crear unha identidade común europea.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para frota. Vexa a frase de exemplo.

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy