Sempre en Galiza

Este artigo trata sobre o libro de Castelao, para o artigo sobre programa de radio véxase Sempre en Galicia.
Sempre en Galiza
4ª edición, de 1974
Autor/aAlfonso Daniel Rodríguez Castelao
OrixeGalicia
LinguaGalego
Tema(s)Política
Xénero(s)Ensaio
EditorialEditorial Galaxia
Data de pub.1ª edición, 1944
Páxinas584 páx. (22ª edición, Galaxia)
ISBN978-84-8288-729-6
editar datos en Wikidata ]

Sempre en Galiza é un libro de ensaio político escrito por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, considerado a obra canónica do nacionalismo galego. A obra publicouse o 10 de marzo de 1944 en Buenos Aires e os primeiros exemplares que chegaron a Galicia fixérono de xeito clandestino.

Castelao concibiu o libro baixo o título "Co pensamento en Galiza", como pode verse no manuscrito conservado no Museo de Pontevedra, datado en 1943 e dedicado á memoria de Alexandro Bóveda. Baixo o nome de Bóveda escribira protomártir, pero terminou riscando esta palabra. Finalmente, foi publicado como Sempre en Galiza.

No libro axúntanse artigos, ensaios, conferencias, discursos xunto a material pensado especificamente para a obra. O limiar da obra, Adro, comprende os artigos que dende Badaxoz escribiu para A Nosa Terra en 1935. A primeira parte escribiuna entre Valencia e Barcelona en 1937, orixinariamente publicouse na forma de artigos no xornal que os galegos exiliados publicaban en Madrid, Nueva Galicia. A segunda parte escribiuna en Nova York e durante a viaxe que o levou a Buenos Aires en 1940. O resto escribiuno en Buenos Aires entre 1942 e 1943.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy