Unha seta ou frecha[1] é unha arma ou proxectil que consiste nunha barra fina rematada en punta, que ten unha peza feita xeralmente de plumas no outro extremo para manter a estabilidade e que se lanza mediante un arco ou unha bésta. Empregado dende a prehistoria, é común á maioría das culturas.
Unha seta consiste nunha hasta longa e fina, con sección circular, feita orixinalmente de madeira e agora tamén de aluminio, fibra de vidro ou de carbono. É afiada na punta ou armada cunha punta de frecha nunha extremidade, dispondo na outra dun engaste (nock) para fixación na corda do arco. Hai unha gran variedade dispoñíbel de tipos de puntas de seta, axeitándose ao uso que se dará á frecha: deportivo, caza ou militar. Achegado á extremidade posterior da seta colócanse superficies de estabilización que constitúen a plumaxe da frecha, a fin de axudaren na estabilización da traxectoria de voo. Xeralmente en número de tres, as plumas dispóñense ao redor da hasta formando un ángulo de 120º entre si. Nas frechas modernas as plumas fabrícanse en plástico e fíxanse cunha cola especial.
Os artesáns que fabrican setas son coñecidos como seteiros ou frecheiros, este último termo relacionado coa palabra francesa: flèche.