Sistema nervioso

Sistema nervioso humano. A partir da L2 a medula espiñal faise moi delgada, formando o filamento terminal.

O sistema nervioso é unha parte altamente complexa dos animais, constituída de tecidos e órganos, que coordina as súas accións, voluntarias e involuntarias, e a información sensorial, mediante a transmisión de sinais entre as diferentes partes do organismo. O sistema nervioso transmite os impulsos necesarios para os movementos dos músculos e a realización das diversas funcións; e recibe, tanto do propio organismo como do mundo externo, as sensacións e os estímulos; respondendo, xunto co sistema endócrino, a tales eventos.[1] O tecido nervioso aparece por primeira vez nos organismos semellantes a vermes que xurdiron arredor de 550 a 600 millóns de anos atrás. Na maioría das especies animais, está composto por dúas partes principais: o sistema nervioso central (SNC) e o sistema nervioso periférico (SNP).

O sistema central está formado polo encéfalo e a medula espiñal. Todas as partes do encéfalo e da medula espiñal están envoltas por tres membranas de tecido conxuntivo - as meninxes. O encéfalo, principal centro de control, está constituído por cerebro, cerebelo, tálamo, hipotálamo e bulbo raquídeo.

O sistema periférico constitúese principalmente de nervios, que son feixes de axóns que ligan o sistema nervioso central a todas as outras partes do corpo. O SNP inclúe: motoneuronas, que interveñen no movemento voluntario; o sistema nervioso autónomo, comprendendo o sistema nervioso simpático e o sistema nervioso parasimpático, que regulan as funcións involuntarias; e o sistema nervioso entérico, que controla o aparello dixestivo.

  1. Tortora, G.J.; Derrickson, B. (2016). Principles of Anatomy and Physiology (en inglés) (15ª ed.). J. Wiley. ISBN 978-1-119-34373-8. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy