Sistema reprodutor | |
---|---|
Aparato reprodutor masculino | |
Aparato reprodutor feminino | |
Latín | systema reproductionis |
Sistema | reprodutor |
O sistema reprodutor é o conxunto de órganos que entre as súas funcións principais teñen a reprodución dos seres vivos.
Todos os seres vivos se reproducen, pero hai varias formas de reprodución que poden ser ou non sexuais: escisión, xemación, esporas e partenoxénese son formas de reprodución asexual. Na reprodución asexual os novos individuos son clónicos, xa que comparten unha carga xenética idéntica, excepto polas mutacións espontáneas. Comparten unha mesma sensibilidade aos cambios ambientais, de tal maneira que un cambio drástico pode supoñer a desaparición dalgunha destas especies. Moitas esporas son, con todo, formas de vida altamente resistentes á espera do restablecemento de circunstancias favorables.[1]
A reprodución sexual supón o intercambio de material xenético, xa que os individuos son diferentes, excepto no caso dos xemelgos idénticos. A vantaxe da reprodución sexual é que os individuos dunha determinada especie teñen máis capacidade de adaptación ante circunstancias adversas, de tal maneira que sobreviven os individuos que poden adaptarse a un determinado cambio ou que resisten unha determinada enfermidade.[2]
A reprodución sexual pode ser externa ou interna. É externa cando a fecundación se produce no medio extracorporal e interna cando ocorre no interior. A reprodución externa supón a emisión coordinada de óvulos ou de ovos por parte de individuos femia e de esperma por parte de individuos machos.
A reprodución interna dáse cando a fecundación se produce no interior do corpo do individuo femia que actúa como receptor e que achega un ou varios óvulos, á vez que un individuo macho achega o esperma. No caso de seres hermafroditas dáse unha fecundación mutua, cos óvulos de cada individuo e o esperma que o outro lle achega.[1]
As enfermidades do sistema reprodutor humano son moi comúns e estendidas, particularmente as enfermidades de transmisión sexual.[3]