En informática, a palabra inglesa software utilízase para describir a parte non física ("lóxica") do ordenador, tamén chamada programa ou aplicación informática.
Chámase así en contrapartida á parte física da computadora, o hardware (monitor, teclado, rato, escáner...etc), que é o que fai que os programas se poidan executar e o usuario poida interaccionar co ordenador. O software é o código compilado que se transforma en aplicacións utilizables, que poden ser ofimáticas, de deseño, multimedia etc.
O software de ordenador (ou sinxelamente, software) refírese a un ou máis programas de ordenador e os datos almacenados para algún propósito concreto. O software permite o funcionamento programado previamente codificado, xa sexa dando instrucións de xeito directo, a través de instrucións ao hardware (a parte física), ou servindo como entrada a outro programa. O software de tratamento de datos existe só para o seu uso eventual por outro software de programa.
O termo software foi usado por primeira vez neste senso por John W. Tukey en 1957; de xeito coloquial, o termo utilízase frecuentemente para designar aplicacións, utilidades, o sistema operativo etc.. En informática e enxeñaría de software, software é toda a información procesada polo sistema informático, programas e datos.