Teatro musical

The Black Crook foi un éxito musical en 1866.[1]

O teatro musical é unha forma de representación teatral que combina cancións, diálogo falado, interpretación e danza. A historia e o contido emocional dun musical (humor, patetismo, amor, rabia) comunícanse a través de palabras, música, movemento e aspectos técnicos do entretemento como un todo integrado. Aínda que o teatro musical se solapa con outras formas teatrais como a ópera e a danza, pódese distinguir pola importancia similar que se lle dá á música en comparación co diálogo, o movemento ou outros elementos. Desde comezos do século XX, as obras escénicas de teatro musical normalmente chamáronse simplemente musicais.[2]

Aínda que a música formou parte das presentacións dramáticas desde os tempos antigos, o teatro musical occidental moderno xurdiu durante o século XIX, con moitos elementos estruturais establecidos polas obras de Gilbert e Sullivan en Gran Bretaña e as de Harrigan e Hart nos Estados Unidos. A estas seguíronas as numerosas comedias musicais eduardianas e as obras de teatro musical de creadores estadounidenses como George M. Cohan a principios do século XX. Os musicais do Princess Theatre (1915–1918) e outros espectáculos como Of Thee I Sing (1931) foron pasos artísticos alén das revistas e outros entretementos de principios do século XX e deron lugar a obras tan innovadoras como Show Boat (1927) e Oklahoma! (1943). Algúns dos musicais máis famosos das décadas seguintes inclúen West Side Story (1957), The Fantasticks (1960), Hair (1967), A Chorus Line (1975), Les Misérables (1985), The Phantom of the Opera (1986), Rent (1996), The Producers (2001), Wicked (2003) e Hamilton (2015).

  1. Morley 1987, p. 15.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para musical.

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy