Tecido vascular

Sección do corte dun talo de apio, mostrando o tecido vascular, que inclúe o floema e o xilema.
Detalle da vascularización ou nervación nunha folla de Rubus fruticosus.

O tecido vascular ou tecido condutor é un tipo de tecido vexetal complexo, formado por varias clases de células e compoñentes, a través docal se transportan líquidos (zumes bruto e elaborado) polo interior da planta, que se encontra nas plantas vasculares (pteridófitas e espermatófitas). Os compoñentes primarios do tecido vascular son o xilema e o floema. O xilema é un sistema que transporta a través da planta auga e sales minerales disoltos (zume bruto). O floema transporta nutrientes xa elaborados polas células ou orixinados na fotosíntese (zume elaborado). Tamén están asociados ao tecido vasular certos meristemas: o cámbium vascular. Todos os tecidos vasculares dunha planta constitúen o sistema de tecidos vasculares ou sistema vascular.[1]

As células do tecido vascular son usualmente longas e delgadas. Dado que o xilema e o floema actúan como o sistema de transporte de auga, minerais e nutrientes na planta, non é de estrañar que a súa forma sexa similar a tubos. As diferentes células do floema están conectadas entre si polos extremos, como se fosen seccións dun tubo. A medida que a planta medra diferénciase novo tecido vascular nos extremos de crecemento da planta. O tecido novo alíñase co tecido vascular existente, mantendo a conexión a través da planta. O tecido vascular disponse en longos feixes vasculares, que constan de xilema e floema e de células de soporte e protección. No talo e as raíces, o xilema está cara á parte máis interior do talo e o floema máis cara a exterior. Nos talos de dicotiledóneas Asteriidae, pode haber floema tamén cara ao interior. Nalgunhas plantas, entre os tecidos vasculares hai tubos laticíferos.

Entre o xilema e o floema hai un meristema denominado cámbium vascular. As células deste tecido divídense diferenciándose en xilema e floema adicionais. Este crecemento incrementa o diámetro da planta. Mentres o cámbium vascular produza novas células, a planta continuará crecendo cada vez máis robusta. Nas árbores e outras plantas leñosas, o cámbium vascular permite a expansión do tecido vascular que produce madeira.

Nas follas os feixes vasculares están situados no mesofilo esponxoso. O xilema está orientado mirando á cara adaxial da folla (xeralmente na parte de arriba ou face da folla). Esta é a razón pola que os áfidos que parasitan as plantas se encontran na cara inferior das follas (envés), onde se encontra o floema que transporta os azucres producidospola planta, e ademais está máis preto da superficie.

  1. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome Botánica

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy