Teito[1] (do latín tectum e este á súa vez do verbo tegere con significado de recubrir, cubrir, protexer.) é en construción, a superficie interior, xeralmente horizontal, por riba dos límites superiores das paredes dun cuarto (ou outro habitáculo: un coche por exemplo). A parte exterior, tamén denominada teito, adoita porén recibir o nome de cuberta (tellado), que é a que leva a parte estrutural (estrutura de cuberta).
O teito non é polo xeral un elemento estrutural (agás no caso das bóvedas en arquitectura culta), senón máis ben un acabado de superficie (plafón) que oculta a parte inferior do piso ou da estrutura que existe por riba. A vivenda tradicional galega adoitaba ter o teito constituído directamente pola estrutura de madeira do sollado (forxado) ou da estrutura da propia cuberta (trabes, cangos e cubrición). Pola contra moitas veces, especialmente en construcións máis coidadas, coma casas grandes e pazos a estruturas cubríanse cun teito ou plafón formado por pequenas lamelas de madeira cubertas cunha camada de cal.
Dependendo do fin e tipo de construción, o teito pode ser deseñado e construído de diversas formas e cunha variedade de materiais.