A terapia de substitución hormonal (TSH) ou terapia hormonal substitutiva é un sistema de tratamento médico para a menopausa cirúrxica, a perimenopausia e, en menor medida, para mulleres na menopausa. Baséase na idea de que o tratamento pode previr as molestias causadas pola menor cantidade de hormonas (estróxenos e proxesterona) presentes no sangue. Supón o emprego dun ou máis fármacos pertencentes a un grupo deseñado para elevar artificialmente os niveis hormonais. Os principais tipos de hormonas que se usan neste tratamento son: estróxenos, proxesterona ou proxestinas, e ás veces testosterona. A miúdo tamén se lle chama tratamento no canto de terapia.