"Ternera Gallega" (denominación oficial no DOG[1]) é unha Indicación Xeográfica Protexida relativa á carne de vacún galega. É un produto con tradición e historia xa que ten percorrido de máis de 3.700 anos. Comezou a controlarse e promoverse en 1989, sendo recoñecida pola Unión Europea sete anos despois.
O certificado refírese exclusivamente a carne de tenreiros nacidos, criados e sacrificados en Galicia e que teñen que pasar un rigoroso control de calidade. Este control incide no nacemento dos tenreiros, crianza, alimentación, coidados sanitarios, sacrificio e presentación da carne nos establecementos para a posta á venda segundo a lexislación vixente. A alimentación adecuada para estes tenreiros baséase en leite materno, forraxes e concentrados vexetais (millo, patacas, nabos...) exentos de produtos animais ou substancias prohibidas.
Os tenreiros deben sacrificarse antes de cumpriren os 10 meses. A súa carne é característica pola súa cor rosa clara ou vermella suave, infiltración graxa de cor branca, aspecto magro, textura suave e agradable sabor. Esta carne chega aos consumidores perfectamente identificada polos correspondentes certificados de calidade e contraetiquetas.