The Simpsons | |
---|---|
Formato | Comedia de animación |
Creado por | Matt Groening |
Desenvolvido por | James L. Brooks Matt Groening Sam Simon |
Intérpretes | Dan Castellaneta Julie Kavner Nancy Cartwright Yeardley Smith Hank Azaria Harry Shearer |
Tema de apertura | "The Simpsons Theme" |
País de orixe | Estados Unidos |
Temporadas | 32 |
Episodios | 643 (Lista de episodios) |
Produción | |
Produtor(es) executivo(s) | James L. Brooks Matt Groening Sam Simon Al Jean |
Duración | 21 - 24 minutos |
Distribuidor | 20th Television |
Emisión orixinal | |
Canle de orixe | FOX |
Formato de imaxe | SDTV 480i (1989-2009) HDTV 720p (2009-presente) |
Primeiro episodio | 17 de decembro de 1989 |
Derradeiro episodio | presente |
Na rede | |
https://SimpsonsWorld.com e https://www.fox.com/the-simpsons/ | |
| |
[ editar datos en Wikidata ] |
The Simpsons é unha comedia de situación de animación estadounidense creada por Matt Groening para a canle de televisión, tamén estadounidense, Fox Broadcasting Company. A serie é unha parodia satírica do estilo de vida do americano de clase media personificado na familia protagonista, formada por Homer, Marge, Bart, Lisa e Maggie. O programa está ambientado na cidade de ficción Springfield, satirizando moitos dos aspectos das condicións humanas, dentro das que se atopa a cultura, sociedade e televisión dos Estados Unidos.
A familia foi concibida por Groening pouco antes de se converter nunha serie de curtametraxes animadas xunto co produtor James L. Brooks. Groening creou unha familia disfuncional e chamou aos personaxes cos nomes de membros da súa propia familia, substituíndo o seu propio nome polo de Bart. As curtas convertéronse en parte de The Tracey Ullman Show o 19 de abril de 1987. Tras unha serie de 48 curtas repartidas en 3 temporadas decidiuse desenvolver con elas un programa de media hora en horario de máxima audiencia. Así a serie converteuse nun éxito para a canle Fox, chegando a ser a primeira serie da Fox que se situaba entre as 30 con maior número de audiencia nunha temporada (1989-1990).
Desde o seu debut, o 17 de decembro de 1989, a serie posúe 491 episodios repartidos en 23 temporadas. The Simpsons Movie, a película baseada na serie, foi estreada nos cines de todo o mundo o 6 e 7 de xullo de 2007, e recadou 527 millóns de dólares en todo o mundo.
The Simpsons ten gañado ducias de premios desde que a serie se puxo en antena. Entre eles destacan 24 premios Emmy, 26 premios Annie e un premio Peabody. No número do día 31 de decembro de 1999 da revista Time dicíase que era a mellor serie de televisión do século XX e o 4 de xaneiro do ano seguinte a familia Simpson foi premiada cunha estrela no Paseo da Fama de Hollywood. The Simpsons é a comedia de situación americana e programa de animación que leva máis anos en antena, e desde o 2008 é, xunto con Gunsmoke, a serie de entretemento americana que máis tempo se leva emitindo en horario de máxima audiencia. O gruñido de anoxo de Homer "D'oh!" foi adoptado no léxico inglés, se ben The Simpsons ten influenciado a moitas comedias de situación animadas orientadas a un público adulto.
En España, comezouse a emitir no mes de abril de 1993 por TVE 2, mais por falta de audiencia foi retirada de emisión. Axiña, Antena 3 mercou os dereitos desta serie, e na emisión nesta canle alcanzou un enorme éxito. Tanto é así que aínda a día de hoxe se seguen a repetir capítulos en horario de mediodía.