Thiomargarita namibiensis

Thiomargarita namibiensis

Microfoto tinguida de Thiomargarita namibiensis
Clasificación científica
Dominio: Bacteria
Filo: Proteobacteria
Clase: Gammaproteobacteria
Orde: Thiotrichales
Familia: Thiotrichaceae
Xénero: Thiomargarita
Especie: T. namibiensis
Nome binomial
Thiomargarita namibiensis
Schulz et al., 1999
Mapa de Namibia coa distribución de Thiomargarita namibiensis ao longo das súas costas (liña de puntos).
Thiomargarita namibiensis, capta nitrato e osíxeno da auga dos fondos oceánicos en caso de que sexa resuspendida, pero capta sulfuro nos sedimentos.

Thiomargarita namibiensis é unha especie de proteobacteria cocoide gramnegativa, que vive nos sedimentos oceánicos da plataforma continental de Namibia. É unha das bacterias máis grandes coñecidas, xa que mide entre 0,1 e 0,3 mm (de 100 a 300 µm) de diámetro (o normal nas bacterias serían uns poucos microns), pero algúns exemplares chegan aos 0,75 mm (750 µm).[1][2] As células de Thiomargarita namibiensis son grandes dabondo como para poder verse a simple vista. A especie tivo o récord da especie bacteriana máis masiva, pero Epulopiscium fishelsoni, que fora previamente descuberta no tubo dixestivo dos peixes cirurxián, é un pouco máis grande en lonxitude, aínda que non en diámetro, e ata finais dos 90 era considerada a bacteria máis grande con 0,5 mm de longo.[3] A especie do mesmo xénero recentemente descuberta no Caribe Thiomargarita magnifica é aínda máis grande, de 10 mm ou máis de lonxitude e máis masiva.

A célula ten un enorme vacúolo, abundantes gránulos de xofre e outros gránulos moito máis pequenos, que parecen ser de polifosfato ou glicóxeno. A distribución do ADN no citoplasma é irregular e complexa, xa que se agrupa en determinadas áreas en lugar de estenderse uniformemente.[4]

Thiomargarita significa "perla do xofre". Isto refírese ao aspecto da célula, a cal contén gránulos microscópicos de xofre que dispersan a luz incidente, dándolle á célula un brillo perlífero. Como moitas bacterias cocoides como Streptococcus, a súa división celular tende a producirse ao longo dun só eixe, o que fai que as súas células formen cadeas, que semellan un colar de perlas. O nome de especie namibiensis, significa "de Namibia", país africano en cuxas costas foi atopada.

  1. The Weekly Newsmagazine of Science. Volume 155, Number 16 (April 17, 1999). [1] Arquivado 21 de xaneiro de 2013 en Wayback Machine.
  2. "List of Prokaryotic names with Standing in Nomenclature - Genus Thiomargarita". Arquivado dende o orixinal o 28 de agosto de 2009. Consultado o 11 de decembro de 2012. 
  3. Randerson, James (8 June 2002). "Record Breaker". New Scientist. 
  4. Heide N. Schulz. The Genus Thiomargarita, in: M. Dworkin, S. Falkow, E. Rosenberg, K.-H. Schleifer, E. Stackenbrandt (Hrsg.): The Prokaryotes, Vol. 6., S. 1158-1159, 2006, ISBN 978-0-387-33496-7.

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy