Timothy William Burton,[1][2] nado en Burbank (California) o 25 de agosto de 1958, é un director e produtor de cinema, guionista e artista estadounidense. É coñecido polos seus filmes de fantasía gótica e de terror, como Beetlejuice (1988), Edward Scissorhands (1990), The Nightmare Before Christmas (1993), Ed Wood (1994), Sleepy Hollow (1999), A noiva cadáver (2005), Sweeney Todd, o barbeiro diabólico de Fleet Street (2007) e Frankenweenie (2012), mais Burton tamén dirixiu filmes de superheroes como Batman (1989) e Batman volve (1992), o filme de ciencia ficción Planet of the Apes (2001), o drama Big Fish (2003), o musical Charlie e a fábrica de chocolate (2005), e os filmes de fantasía Alice in Wonderland (2010) e Miss Peregrine's Home for Peculiar Children (2016).
Burton traballou de forma habitual co actor Johnny Depp e co compositor Danny Elfman, quen compuxo a banda sonora de tódolos seus filmes agás tres. Helena Bonham Carter, exparella de Burton, tamén apareceu en moitos dos seus filmes. Burton escribiu e ilustrou o libro de poesía The Melancholy Death of Oyster Boy & Other Stories, publicado en 1997 pola editorial británica Faber and Faber, e un recompilatorio de debuxos, bosquexos e outras pezas artísticas en The Art of Tim Burton, lanzado no ano 2009. Entre os seus premios e recoñecementos salientan dous nomeamentos ós Premios Óscar e tres ós premios BAFTA, e ter gañado un Premio Emmy e un Globo de Ouro.