Timopoetina

Timopoetina (imaxe baseada en PDB 1GJJ).

As timopoetinas, timopoietinas ou isoformas beta/gamma do polipéptido 2 asociado ás laminas [1] son unhas proteínas codificadas polo xene TMPO nos humanos.[2][3]

A timopoetina foi illada inicialmente do timo bovino e déuselle primeiro o nome de timina, que foi cambiado a timopoetina, para non confundila coa base nitroxenada timina [4].

Á timopoetina atribúeselle unha acción hormonal, que induce a diferenciación dos timocitos a partir das súas células precursoras [5].

O xene da timopoetina (TMPO) codifica tres ARNm, resultado dun splicing alternativo, que orixinan tres proteínas, de 75 kDa (alfa), 51 kDa (beta) e 39 kDa (gamma), que son expresadas en todas as células. O xene TMPO humano atópase na banda 12q22 do cromosoma 22 e consta de oito exóns. O TMPO alfa está presente e difusamente expresado no núcleo celular, e os TMPO beta e gamma están localizados na membrana nuclear. O TMPO beta é un homólogo humano da proteína murina LAP2 (polipéptido 2 asociado á lamina). O LAP2 desempeña un papel na regulación da arquitectura nuclear ao unir a proteína lamina B1 cos cromosomas e intervir na formación da lámina nuclear. Esta interacción está regulada por fosforilación durante a mitose. Dada a localización nuclear das tres isoformas de TMPO, é improbable que estas proteínas xoguen un papel na indución do CD90 no timo, como se suxerira.

  1. "TMPO thymopoietin". Arquivado dende o orixinal o 07 de marzo de 2016. Consultado o 29 de xaneiro de 2012. 
  2. Harris CA, Andryuk PJ, Cline S, Chan HK, Natarajan A, Siekierka JJ, Goldstein G (1994). "Three distinct human thymopoietins are derived from alternatively spliced mRNAs". Proc Natl Acad Sci U S A 91 (14): 6283–7. PMC 44185. PMID 7517549. doi:10.1073/pnas.91.14.6283. 
  3. "Entrez Gene: TMPO thymopoietin". 
  4. Gideon Goldstein. The isolation of thymopoietin (thymin). Annals of the New York Academy of Sciences. Volume 249, Thymus Factors in Immunity pages 177–185, February 1975 [1]
  5. J J Twomey, G Goldstein, V M Lewis, P M Bealmear, R A Good. Bioassay determinations of thymopoietin and thymic hormone levels in human plasma. Proceedings of the National Academy of Science of USA. June 1, 1977 vol. 74 no. 6 2541-2545. [2]

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by razib.in