O tofu[1] (leite de soia callado) é un alimento oriental. Os seus ingredientes son sementes de soia, auga e solidificante ou calleira. Prepárase callando “leite de soia” e o seu prensado posterior para separar a parte líquida da sólida, de xeito semellante como se fai o queixo a partir do leite. Ten unha textura firme semellante á do queixo, sabor delicado, cor branca crema e adoita presentarse a xeito de cubos brancos.
O tofu orixinouse na China. A lenda chinesa describe que a súa invención foi feita polo príncipe Liu An (劉安, 179–122 a.C.). O tofu e a súa técnica de produción foi introducido na Corea e no Xapón durante o período Nara. Espallouse tamén por outras partes do leste asiático. É moi probábel que a súa difusión coincidise coa expansión do budismo, xa que é unha importante fonte de proteínas na dieta vexetariana do budismo asiático. Li Shizhen da dinastía Ming describe un método para facer tofu no Bencao Gangmu.
O tofu é baixo en calorías, con cantidades relativamente grandes de proteína e moi pouca graxa. É rico en ferro e dependiendo da calleira usada durante a súa manufacutra, pode tamén ter altos contidos de calcio e/ou magnesio.
O tofu emprégase acotío na cociña xaponesa, que lle deu sona en occidente, porén o seu uso está tamén moi espallado pola China e na cociña asiática en xeral.
Se se cociña con algunha especia o tofu colle o sabor da mesma, o que fai del un bo ingrediente para guisos e sopas especiais. Ningún produto animal intervén na súa elaboración, sendo por isto amplamente usado como substituto da carne polos vexetarianos.