Torre (xadrez)

Para describir os movementos das pezas de xadrez neste artigo usouse a notación alxébrica.
Torres. Posicións iniciais das torres.

A torre (♖ ♜) é unha peza do xogo do xadrez. Ao comezo da partida cada xogador dispón de dúas, que se sitúan nas esquinas do taboleiro máis próximas á súa posición. En notación alxébrica, as torres brancas empezan situadas nas casas en A1 e H1, mentres que as torres negras comezan en A8 e H8.


Movemento e acción da torre.

A torre móvese tanto horizontal como verticalmente, cara a adiante e cara a atrás, sen límite de casas, tal e como mostra o diagrama da dereita. A torre tamén participa, xunto co rei, nun movemento especial chamado enroque.

  • A Torre pode moverse horizontalmente (en fila) ou verticalmente (en columna).
  • A Torre non pode moverse en diagonal, non sendo, xa que logo, tan forte como a Raíña.
  • Soamente se move nunha dirección cada vez. Non pode desprazarse ou saltar por encima de pezas amigas ou inimigas.
  • A Torre captura, como as demais pezas, ocupando a casa da peza capturada.

Cando as columnas están abertas o seu xogo faise máis forte polo que adoitan poñerse xeralmente en xogo no medio xogo e no final do xogo da partida. Ten a función táctica de dominar columnas abertas, ou sexa, columnas sen peóns, onde o seu movemento é ben aproveitado. A Torre situada na sétima casa é unha posición coñecida polos efectos devastadores que pode provocar sobre o adversario. As Torres dobradas (na mesma liña ou columna) son unha arma poderosísima, excedendo moitas veces o valor dunha raíña.

Teóricos do xadrez dan á Torre o valor 5, sendo a peza de maior valor despois da Raíña (ou Dama).


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by razib.in