Torre del Oro | |
---|---|
Torre del Oro e Teatro de la Maestranza, vistos desde a ponte San Telmo | |
Coordenadas | 37°22′57″N 5°59′47″O / 37.38245514586, -5.9962960788708 |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Torre del Oro é unha torre albarrá situada na marxe esquerda do río Guadalquivir, na cidade de Sevilla, xunto á praza de touros da Real Maestranza. A súa altura é de 36 metros. Posiblemente o seu nome en árabe era Bury al-dahab, Borg al Azahar ou Borg-al-Azajal en referencia ao seu brillo dourado que se reflectía sobre o río. Durante as obras de restauración de 2005, demostrouse que este brillo, que ata entón se atribuía a un revestimento de azulexos, era debido a unha mestura de morteiro, cal e palla prensada.[1]
É unha torre formada por tres corpos. O primeiro corpo, dodecagonal, foi construído entre 1220 e 1221 por orde do gobernador almohade de Sevilla, Abù l-Ulà. O segundo corpo, tamén dodecagonal, foi mandado construír por Pedro I o Cruel no século XIV. O corpo superior, cilíndrico e rematado en cúpula, foi construído en 1760 polo enxeñeiro militar Sebastián Van der Borcht.
Foi declarada monumento histórico-artístico en 1931 e foi restaurada varias veces. Na Idade Contemporánea foi restaurada en 1900, entre 1991 e 1992, en 1995 e en 2005.[2] Na súa conservación foi importante o labor da Armada. Atópase en bo estado de conservación e alberga o Museo Naval de Sevilla.