Tratado de Paz entre Israel e Exipto de 1979

O Tratado de Paz entre Israel e Exipto (en hebreo: הסכם השלום בין ישראל למצרים , Heskem HaShalom Bein Yisrael LeMitzrayim; en árabe: معاهدة السلام المصرية الإسرائيلية, Mu `āhadat as-Salam al-al-Masrīyah'Isrā'īlīyah) asinado en Washington D. C. o 26 de marzo de 1979, marcou o termo de trinta anos de hostilidades e cinco guerras. Este tratado foi asinado tras intensas negociacións, dezaseis meses despois da visita do presidente exipcio Anwar el-Sadat a Xerusalén en 1977, convidado polo entón Primeiro Ministro israelí, Menájem Beguin, e da firma dos Acordos de paz de Camp David en 1978, baixo o auspicio do expresidente estadounidense Jimmy Carter en carácter de testemuña.

A paz entre Israel e Exipto constaba de varios elementos principais, a saber: a culminación do estado de guerra existente desde a Guerra árabe-israelí de 1948, así como o fin dos actos ou ameazas de belixerancia, hostilidade ou violencia; o establecemento de relacións diplomáticas, económicas e culturais; a eliminación dos obstáculos para o comercio e a liberdade de movemento; e a retirada israelí das forzas militares e asentamentos civís da península do Sinaí, capturada durante a Guerra do Seis Días no ano 1967, a cal foi concluída en 1982. O acordo tamén prevé o libre paso de barcos israelís a través da Canle de Suez e o recoñecemento do Estreito de Tirán, o Golfo de Aqaba como vías fluviais internacionais.

Os participantes pouco despois da firma do tratado.

A través deste tratado, Exipto foi o primeiro país árabe en selar unha paz duradeira con Israel, o que foi interpretado dentro de círculos radicais como unha «traizón». Así, tras a firma do tratado, Exipto foi boicoteado por outros estados árabes e a sede central da liga Árabe foi transferida do Cairo a Tunisia. En 1989 foi reinstalada no Cairo e os países árabes normalizaron as relacións con Exipto.

Actualmente ambos os países teñen normalizadas as súas relacións diplomáticas, establecéronse embaixadas e consulados e regularmente teñen lugar encontros entre altos funcionarios israelís e exipcios.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy