O ubre[1] ou remollo[2] é unha glándula de secreción externa, unha glándula sudorípara modificada, característica das femias da clase dos mamíferos (Mammalia), cuxa función é a secreción do leite co que alimentan as crías durante as primeiras etapas da vida. O ubre designa o conxunto destas glándulas, en número de dúas, catro ou máis, e equivale ó que na muller se designa como seo ou peito.
Nas diferentes especies animais presenta un número diferente de unidades glandulares: dúas na ovella, cabra ou egua, catro na vaca, oito na gata, 8-12 na cadela, 12-16 na porca. A disposición no corpo tamén é variable: inguinal nos équidos e ruminantes, toracoinguinal nos cánidos e súidos ou toracoabdominal na gata.