Universidade de Santiago de Compostela | |
---|---|
Colexio de Fonseca | |
Datos xerais | |
Localización | Santiago de Compostela |
Datos actuais | |
Reitor | Antonio López Díaz |
Alumnos | 28.138 (Curso 2011-2012)[1] |
Datos de contacto | |
Enderezo | Colexio de San Xerome Praza do Obradoiro, s/n 15782. Santiago de Compostela |
Páxina web | www.usc.gal |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) é unha institución universitaria con sede en Santiago de Compostela. As súas orixes datan de finais do século XV, sendo a primeira universidade fundada en Galiza e a sexta en España. Porén, non hai unanimidade nas datas de fundación das universidades españolas. Uns consideran a fundación como o momento no que se instauran algún tipo de estudos, segundo este criterio a USC fúndase en 1495, o que a converte na sexta universidade española máis antiga despois das de Salamanca, Complutense, Valladolid, Barcelona e Zaragoza.[2] Outros toman como data fundacional o ano en que é recoñecida pola Igrexa ou algunha autoridade civil, de acordo con este criterio a USC foi fundada en 1504 pero continúa sendo a sexta máis antiga de España gañando en antigüidade á de Zaragoza mais perdéndoa coa de Valencia.[3]
En 1990 a partir da Universidade de Santiago creáronse as Universidades da Coruña e de Vigo. No ano 2012 contaba con dous campus universitarios (Campus de Santiago -dividido en Histórico, Norte e Sur-, e Campus de Lugo) cun total de 23 facultades e 2 escolas técnicas superiores.[4]
Durante o curso 2011-12 o número de estudantes matriculados ascendía a 28.138, dos cales 24.758 correspondían a titulacións oficiais do 1º e 2º ciclos e grao, 1.677 a másteres oficiais e 1.703[5] a outros estudos (titulacións e másteres propios, cursos de especialización, cursos de formación continua e 4º ciclo).[1]
En abril de 2018 foi elixido reitor o xurista Antonio López.