O vento (do latín ventus) é o fluxo do aire a gran escala na atmosfera terrestre. Na atmosfera, é o movemento en masa do aire de acordo coas diferenzas de presión atmosférica. Günter D. Roth defíneo como «a compensación das diferenzas de presión atmosférica entre dous puntos».[1]
En meteoroloxía, adóitanse denominar os ventos segundo a súa forza e a dirección desde a que sopran. Os aumentos repentinos da velocidade do vento durante un tempo curto reciben o nome de refachos. Os ventos fortes de duración intermedia (aproximadamente un minuto) chámanse borrascas. Os ventos de longa duración teñen diversos nomes segundo a súa forza media como, por exemplo, brisa, temporal, tormenta, furacán ou tifón. O vento pódese producir en diversas escalas: desde fluxos tormentosos que duran decenas de minutos até brisas locais xeradas polo distinto quecemento da superficie terrestre e que duran varias horas, e mesmo globais, que son o froito da diferenza de absorción de enerxía solar entre as distintas zonas xeo-astronómicas da Terra. As dúas causas principais da circulación atmosférica a gran escala son o quecemento diferencial da superficie terrestre segundo a latitude, a inercia e a forza centrífuga producidas pola rotación do planeta. Na zona intertropical, a diferenza de presión atmosférica entre os océanos (masa de aire cálido e húmido) e os continentes (masa de aire cálido e seco) durante o verán no hemisferio norte, é dicir, entre xuño e setembro, dá orixe á formación de ventos estacionais entre o océano Índico e o continente asiático e as depresións térmicas no interior dos continentes, especialmente en Asia e, en menor grao, en América do Norte, entre o Golfo de México e o interior dos Estados Unidos (o Medio Oeste), constitúen o motivo da circulación monzónica dos ventos, que durante a época de máis calor desprázanse cara ao interior e impulsan a circulación de monzóns.
Nas áreas costeiras, o ciclo brisa mariña/brisa terrestre pode definir os ventos locais, mentres que nas zonas con relevo variado as brisas de val e de montaña poden dominar devanditos ventos locais.
Na civilización humana, o vento inspirou a mitoloxía, afectou aos acontecementos históricos, estendeu o alcance do transporte e a guerra, e proporcionou unha fonte de enerxía para o traballo mecánico, a electricidade e o lecer. O vento impulsou as viaxes dos veleiros a través dos océanos da Terra. Os globos aerostáticos utilizan o vento para viaxes curtas, e o voo con motor utilízao para xerar sustentación e reducir o consumo de combustible. As zonas con cizalladura do vento provocado por varios fenómenos meteorolóxicos poden provocar situacións perigosas para as aeronaves. Cando os ventos son fortes, as árbores e as estruturas creadas polos seres humanos poden chegar a resultar danados ou destruídos.
Os ventos poden dar forma ao relevo a través dunha serie de procesos eólicos, como a formación de solos fértiis (por exemplo, o loess) ou a destrución dos mesmos a través da erosión. O po de desertos grandes pode ser movido a grandes distancias desde o seu lugar de orixe polos ventos dominantes, e os ventos que son acelerados por unha topografía agreste e que están asociados con tormentas de po recibiron nomes rexionais en diferentes partes do mundo debido ao seu efecto significativo sobre estas rexións. O vento afecta a extensión dos incendios forestais, xa que pode deter ou acelerar os incendios. Tamén dispersa as sementes de determinadas plantas, e fai posible a supervivencia e dispersión destas especies vexetais, así como as poboacións de insectos voadores. En combinación coas temperaturas frías, o vento ten un efecto negativo sobre o gando. O vento afecta as reservas de alimento dos animais e as súas estratexias de caza e defensa.